
A Ministra de Medio Ambiente, Cristina Narbona confirmoulle ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, que o seu departamento aprobará a declaración de impacto ambiental do tramo do AVE Lubián-Ourense ao finalizar o mes de abril. A finais deste mes publicarase a declaración de impacto ambiental do tramo Lubián Ourense do tren de alta velocidade, unha das infraestruturas máis importantes para a vertebración de Galicia e na que dende o goberno de España estamos traballando para axilizar ao máximo os trámites asegurou a ministra.
O presidente da Xunta que cualificou este anuncio como unha magnífica nova para Galicia destacou que supón un paso decisivo na execución do tren de alta velocidade entre Galicia e Madrid. Coa aprobación desta declaración de impacto ambiental supérase o último obstáculo do tren de alta velocidade asegurou.
Touriño sinalou que a finalización deste trámite permitirá acelerar a construción da conexión da nosa comunidade en AVE, xa que o tramo Ourense- Lubián entra a continuación, neste mesmo ano, na fase de licitación dos proxectos de construción.
O xefe do executivo galego destacou que a aprobación da declaración de impacto ambiental permitirá avanzar máis rapidamente na construción do AVE, xa que permitirá que ao longo do 2006 todos os tramos do eixo Santiago-Madrid estean en obra (Madrid-Valladolid e Santiago-Ourense) ou en fase de proxecto construtivo (Medina-Lubián e Lubián-Ourense).
Outras actuacións pendentes
A Ministra de Medio Ambiente, Cristina Narbona destacou ademais que a declaración de impacto ambiental do tramo do ferrocarril de alta velocidade, entre Pontevedra e Portela está xa no Boletín Oficial do Estado. Respecto á autovía interior entre Ourense e Lugo, afirmou que esta mesma mañá se firmará a correspondente declaración de impacto ambiental. Por último, Narbona destacou a adxudicación no mes de xuño da planta depuradora de Ferrol, xa que neste momento se esta a rematar o estudio das ofertas presentadas na fase de licitación.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.