
O xoves día 6 de abril, celebrouse no Hotel Balneario de Compostela, no lugar de O Tremo-Os Ánxeles (Brión), a presentación da exposición Sinais Perennes do pintor venezolano
afincado en Galicia, Arturo Carrión.
A inauguración dou comezo ás 20:30 horas coa presencia do alcalde
Xosé Luís García García; o pintor Arturo Carrión e mailo técnico de cultura de Brión, Alberto Álvarez Escudero. Houbo unha notable asistencia de público que practicamente encheu o salón onde se celebrou o acto, cedido polo Hotel-Balneario.
A ocasión serviu tamén para inaugurar a nova edición do ciclo Brión ARTE 2006: un renovado compromiso coa arte e as letras. Brión ARTE é un proxecto que naceu fai un ano cunha idea clara: promocionar en Brión as belas artes a través dun ciclo anual de exposicións de artistas plásticos galegos contemporáneos de primeira liña. A nova andaina deste proxecto inciouse coa inauguración desta exposición de Arturo Carrión, cunha mostra da súa recente creación pictórica.
O acto rematou cun animado cóctel no que participaron tódolos asistentes. Esta exposición organizada pola Casa da Cultura do Concello da Brión vai estar aberta ó público dende o 6 de abril ata o día 31 de maio nas instalacións do Hotel Balneario de Compostela O Tremo Os Ánxeles.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.