O titular do Goberno autonómico comprometeu o apoio da Xunta á industria editorial galega, un sector que cualificou de moi modernizado, atento ao que ocorre no mundo, xerador de propostas innovadoras e cunha alta capacidade de risco. A pesar disto, Pérez Touriño considerou que segue a ser un sector vulnerable e merecedor dunha especial sensibilidade e atención por parte dos poderes públicos. Por iso comprometeu o apoio do Goberno que preside á industria editorial galega, a través de iniciativas como a Lei do Libro e da Lectura e a Lei de Bibliotecas que, segundo lembrou, deberán ser aprobadas este ano no Parlamento de Galicia. O presidente da Xunta tamén sinalou a este respecto que xa se está a actuar nesta liña con iniciativas como o Plan de dotación de bibliotecas escolares e de animación á lectura, postas en marcha pola Consellería de Educación.
Durante a presentación do derradeiro volume da Enciclopedia Galega Universal, Emilio Pérez Touriño sinalou que é vontade do Goberno galego establecer canles de diálogo permanente cos editores, traballando conxuntamente con eles en mesas técnicas e de seguimento e escoitando as súas opinións e propostas sobre todas as cuestións relacionadas co mundo do libro e a lectura.
Así mesmo, referiuse á importancia básica e medular do sector editorial na conformación do sistema cultural galego. É un sector de certa importancia económica, constituído por máis de corenta empresas, que mantén centos de postos de traballo vinculados directa ou indirectamente a el e que nos últimos anos vén facturando cantidades que oscilan entre os 15 e os 20 millóns de euros, sinalou. Pero os datos económicos engadiu- non esgotan nin dan conta da verdadeira importancia dun sector que ten como principal misión manter viva a publicación de libros en lingua galega.
Vocación universal
Na súa intervención, Pérez Touriño quixo lembrar a vocación universal que, ao seu entender, sempre caracterizou á cultura galega. A parte máis viva, maioritaria e perenne da cultura galega sempre se caracterizou pola súa vocación universal e pola súa apertura ao mundo, sinalou. E engadiu que isto é así polo menos desde a Xeración Nós e o diálogo crítico que os seus máis sobranceiros representantes estableceron coa cultura europea do seu tempo.
Por iso lle transmitiu os seus parabéns a Ir Indo Edicións polo seu traballo da Enciclopedia Galega Universal que, dixo, nos axuda a percibir a nosa cultura como unha parte senlleira e orixinal da cultura universal. Unha obra engadiu- que encarna á perfección a posibilidade de conxugar o propio e o alleo, o local e o global, o galego e o universal.
Estamos, sen dúbida concluíu Pérez Touriño-, diante dunha obra do noso tempo chamada a converterse nunha utilísima ferramenta de traballo e de coñecemento e, desde agora mesmo, nun motivo máis de orgullo para a cultura e para o libro galego.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.