O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, anunciou que agarda poder reunirse en vindeiras datas co alcalde da Coruña, Javier Losada Azpiazu, para tratar as demandas que ten a Xunta en materia de xustiza na cidade herculina e escoitar as propostas do rexedor municipal. Quérese buscar unha solución que dea unha resposta ás necesidades a medio prazo da xustiza afirmou-. Creo que o alcalde é coñecedor desta situación, e neste sentido confío que podamos acadar unha solución que nos permita neste mesmo ano convocar o concurso de obras da Cidade da Xustiza.
O titular de Presidencia considerou que a ubicación que se tiña plantexado no pasado para esta non é boa, xa que significaría unha densidade construída na actual parcela que non beneficia a ninguén, porque nin mellora o tecido urbanístico da cidade nin facilita a comodidade dos funcionarios e poderes xudiciais nin, dende logo, do público.
Méndez Romeu fixo estas declaracións na Facultade de Ciencias Económicas da Universidade da Coruña, onde impartiu unha conferencia sobre o Pacto Local, do que dixo que está funcionando ben, dentro das previsións existentes. O conselleiro considerou que se está iniciando o proceso de abrir unha relación distinta entre as institucións locais e a Administración Autonómica, e sinalou que, a día de hoxe están constituídas todas as comisións mixtas agás a de Medio Ambiente, que se creará o día 21.
Competencias de urbanismo
Romeu referiuse a temas concretos para ilustrar o funcionamento do Pacto Local, como o Consorcio de servizos de benestar impulsado pola Vicepresidencia ou a Comisión de Urbanismo, cunha axenda de grande interese. Neste sentido, e en resposta a unha pregunta sobre a posibilidade de que o Estado recupere as competencias de urbanismo, proposta por algúns políticos a raíz do ocorrido en Marbella, considerou que as características da especulación urbanística teñen unha etioloxía complexa, relacionada con distintos factores, polo que actuar para corrixila implica actuar en todas as causas, non soamente nalgunhas.
Os cambios en urbanismo en Galicia queremos facelos dentro dese respecto á sostenibilidade medioambiental, desa protección da liña da costa que é un dos valores principais que temos, e queremos facelo consensuadamente declarou-. Nese sentido, creo que o comezo das conversas está sendo positivo. O conselleiro lembrou que a modificación da Lei do Solo en Galicia é un procedemento complicado, que vai necesitar pensar moito máis a medio e longo prazo que a curto prazo, e sinalou que de momento todos os interlocutores están aceptando que é necesario impoñer unha maior disciplina urbanística.
Débeda histórica
Doutra banda, en resposta a unha pregunta sobre a negociación da débeda histórica, o titular de Presidencia avogou por seguir os procedementos establecidos. Afirmou que o proceso de reforma estatutaria que se está a levar a cabo conta coa vontade de todos os grupos políticos de facelo o mellor posible, polo que debemos confiar en que se abordará unha proposta de financiamento da Comunidade Autónoma respectuosa coas nosas necesidades e co marco multilateral en que nos movemos as comunidades de réxime común. Méndez Romeu lembrou que o proceso de negociacións co Estado na Comisión Mixta de Transferencias está funcionando tamén ben, referíndose ao Instituto Social da Mariña e ao incremento do financiamento sanitario.
Así mesmo, sobre a Área Metropolitana de Vigo, o conselleiro remitiuse á posición expresada polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e subliñou que a iniciativa lexislativa correspóndelle ao Goberno, quen presentará, como dixo o presidente, a súa proposta, concertada previamente cos interlocutores sociais, institucionais, etc. da área afectada, procurando que signifique ese paso adiante sen precedentes ata agora no sur de Galicia.
O sistema educativo galego contará con 536 centros plurilingües o próximo curso 2026/27 nas etapas de Infantil, Primaria, ESO ou Bacharelato e FP. Seis centros decidiron incorporarse a esta iniciativa e outros dous ampliar a súa participación na mesma a outras etapas, o que confirma o incremento progresivo deste modelo, voluntario para os centros, desde a súa posta en marcha. Do total dos centros con modelo plurilingüe, 445 serano en Primaria e 93 en ESO (se ben parte deles sono en ambas etapas á vez), 259 en Infantil, 16 centros en Bacharelato e 40 en FP. Ademais dos centros plurilingües, a Consellería oferta diversas modalidades. Así, outros centros optan por contar con seccións bilingües.