
É por iso que o grupo Histagra fai un chamamento á colaboración das familias de vítimas da violencia franquista que foron enterradas en Serantes, así como á veciñanza e outras persoas que dispoñan de datos ao respecto, de cara a complementar o estudo histórico. O e-mail de contacto ao que poden dirixirse é [email protected]
Sábese que como mínimo 197 persoas foron asasinadas e enterradas en varias fosas localizadas neste cemiterio. Os nomes das vítimas poden ser consultados no apartado da fosa do cemiterio de Serantes da páxina web de Nomes e Voces.
Histagra quere agradecer á área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña o seu compromiso coa memoria democrática, así como a colaboración da Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática de Ferrol e a axuda das familias das vítimas. Grazas ao referido convenio estanse a investigar tamén as fosas de Beira (Carral) e Boisaca (Santiago de Compostela).
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.