Notas de prensa

Unha investigación do CITENI simula como se comportará a rótula tras unha operación de prótese de xeonllo

Pódese prever como se comportará a rótula despois dunha operación de prótese de xeonllo? Unha investigación desenvolvida no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña permite simular o movemento desta articulación tras a intervención e estudar como as características de cada paciente poden influír na elección do tratamento.

Os resultados acaban de ser publicados en Arthroplasty, revista de Springer Nature situada no primeiro cuartil (Q1) da súa área. O artigo, titulado “Predicting patellar kinematics and contact forces after TKA: a simulation study on quadriceps malalignment”, está asinado por Florian Michaud, xunto con Ánxela Pérez e Daniel Dopico, persoal investigador do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM) do CITENI, e o cirurxián Simon Talbot, do Departamento de Cirurxía Ortopédica de Western Health (Footscray, Australia).

A aliñación do cuadríceps, un factor decisivo

O estudo aborda unha das complicacións que poden aparecer tras unha artroplastia total de xeonllo, o desprazamento anómalo da rótula, que pode provocar dor, inestabilidade e, nos casos máis graves, requirir unha nova intervención. Os resultados mostran que a aliñación preoperatoria do cuadríceps xoga un papel clave na estabilidade rotuliana e tela en conta pode axudar a mellorar a colocación dos implantes.

A ferramenta desenvolvida polo equipo do LIM permite reproducir mediante simulación o movemento da rótula e analizar como as decisións tomadas durante a cirurxía poden modificar o seu percorrido e as forzas que soporta. Entre estas decisións atópanse os cortes realizados no fémur e a tibia, que condicionan a orientación e a posición final dos compoñentes da prótese.

Simular antes de operar

A diferenza doutros sectores da enxeñaría, onde unha peza se pode substituír ou unha montaxe corrixirse, en cirurxía os cortes óseos son irreversibles. Unha vez realizados non hai volta atrás. Por iso, resulta especialmente útil dispoñer de ferramentas preditivas que permitan comparar distintas alternativas antes da intervención e estudar as súas posibles consecuencias segundo a anatomía e a aliñación muscular de cada paciente. Deste xeito, poden proporcionar información para apoiar a toma de decisións cirúrxicas.

O modelo computacional desenvolveuse no Laboratorio de Enxeñaría Mecánica do CITENI e foi validado experimentalmente mediante un prototipo de xeonllo fabricado en impresión 3D e integrado con sensores. As predicións obtidas mediante simulación mostraron unha elevada concordancia coas medicións experimentais.

Unha das principais vantaxes é a súa rapidez, cada simulación complétase, de media, en 48 segundos. Isto fai posible analizar en pouco tempo diferentes escenarios cirúrxicos xusto antes da intervención.

A pesar de que o traballo constitúe aínda unha proba de concepto, os resultados mostran o potencial desta ferramenta para apoiar a planificación personalizada da cirurxía.

Unha colaboración que conecta Ferrol con Australia

A investigación combina enxeñaría mecánica computacional e práctica clínica. A estancia de investigación que Florian Michaud realizou no Hospital Western Health, en Footscray (Australia), durante o outono de 2025 permitiu incorporar a perspectiva dun cirurxián ortopédico ao deseño e validación do modelo de simulación.

O software empregado no estudo contou ademais coa participación e financiamento parcial de Pixee Medical, empresa francesa especializada en tecnoloxía para cirurxía ortopédica.

Unha liña de investigación impulsada desde o Campus Industrial

A investigación forma parte do proxecto “Modelo biomecánico do xeonllo (Dixital Twin) para a simulación preditiva das tensións ligamentosas como axuda ao proceso de decisión do tratamento clínico: artroplastia total de xeonllo”, desenvolvido por Florian Michaud como investigador principal grazas á bolsa Campus Talento Investigador (2022-2026) do Campus Industrial de Ferrol.

Este financiamento permitiu consolidar no CITENI unha nova liña de investigación especializada en biomecánica computacional e impulsar colaboracións científicas e empresariais no ámbito da tecnoloxía médica. Durante este período deu lugar a novas publicacións, contribucións científicas e accións de transferencia, entre elas a realizada con Pixee Medical e a creación da spin-off MFES: Motion and Force Engineering Solutions.

Os resultados obtidos espertaron ademais o interese do ámbito sanitario e tecnolóxico. Empresas internacionais do sector contactaron co equipo investigador para explorar posibles aplicacións desta tecnoloxía, mentres que cirurxiáns ortopédicos do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) mostraron interese en estender estas metodoloxías a novas patoloxías musculoesqueléticas e avanzar en futuras colaboracións.

A evolución desta liña de investigación reflicte a capacidade do Campus Industrial de Ferrol para impulsar coñecemento aplicado e favorecer a colaboración entre a Universidade, o ámbito clínico e a industria da tecnoloxía sanitaria.

Universidade da Coruña (UDC), 2026-08-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES