Notas de prensa

A Mesa considera unha “fraude” que a Secretaría Xeral de Política Lingüística se dedique a facer “antoloxías literarias”.

* Carlos Callón: “A política lingüística de Marisol López é esencialmente a mesma que a practicada polo PP”. * “A Secretaría Xeral leva unha política de Homenaxe á Lingua, sen garantir o cumprimento da legalidade nin incorporar o idioma a novos ámbitos” * “A Mesa agarda que, polo ben do país, ningún departamento da Xunta copie os modelos aplicados por esta Secretaría Xeral; sería como se en troca de eliminar a peaxe de Rande, se editasen unidades didácticas sobre as peaxes”

A Secretaria Xeral de Política Lingüística presentou na Coruña unha serie de material pedagóxico e cultural que edita para o Día das Letras. Ademais de se encargar da divulgación da figura de Lugrís Freire como escritor, a Secretaría editou 14.000 exemplares dunha cuestionábel antoloxía literaria, idéntica á que cada ano chega ás librarías galegas coa sempiterna relación de textos de autoras e autores homenaxeados no 17 de Maio.

A Mesa considera que a figura de Lugrís Freire merece “todas as homenaxes e recoñecementos pois, entre outras cousas, foi un pioneiro na introdución da nosa lingua en novos ámbitos”. Porén, “a Secretaría Xeral debería decatarse de cal podería ser a súa función real en todo isto e non pórse a pagar unidades didácticas, DVDs sobre o escritor, antoloxías literarias, etc, que son cometido da Consellaría de Educación ou da Consellaría de Cultura”.

Segundo Carlos Callón, Presidente da Mesa, “o que está a facer esta Secretaria Xeral é o mesmo que leva facendo o PP nos últimos 16 anos: política de homenaxe á lingua, que permite aparentar que se fai algo sen na realidade facer nada”. O portavoz da Mesa cualifícaa, por iso, de “política fraudulenta, porque aquí o único cambio importante que houbo foi de organigrama e de cara, mais iso non está a ter consecuencias positivas para a lingua”.

A Mesa desexa que ningún departamento do Goberno galego imite a Secretaría Xeral, polas “consecuencias desastrosas” que podería ter para o país. “Sería como se en vez de eliminar a peaxe de Rande, presentasen unha unidade didáctica sobre as peaxes e unha antoloxía de todos os textos literarios onde se fala das peaxes. Aplícanse á xestión da lingua uns criterios que o sentido común non permitiría aplicar a ningún outro campo da xestión.”

“Mentres se mal gasta o diñeiro en actividades culturais ou educativas que non son política lingüística, os problemas esenciais do galego están aínda sen resolver: Que vai facer a Secretaria Xeral para que no Concello da Coruña se cumpran a Lei de Normalización e o Estatuto? Que vai facer a Secretaria Xeral para que se aplique o Plan Xeral de Normalización no ensino? Vai facer algo a Secretaria Xeral para garantir que se dobren ao galego os filmes para o público infantil?”, pregúntase o Presidente da Mesa, quen recorda que “en Cataluña acaban de estrear Ice Age 2 en catalán. En Galiza podiamos tela en galego, mais a Secretaria Xeral non moveu nin un dedo para que iso puidese ser así. Estaba moi ocupada pagando unidades didácticas e antoloxías literarias”.

A Mesa pola Normalización Lingüística, 2006-04-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES