Notas de prensa

A Xunta e o Goberno central asinan un convenio para a recuperación industrial e a xeración de emprego e riqueza nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal

* O presidente da Xunta salienta que o acordo asinado co ministro de Industria pon as bases para impulsar o proceso de desenvolvemento e recuperación industrial destas zonas * A suma total das axudas do departamento dirixido por José Montilla a estas comarcas acada os 46.500.000 euros, aos que se suman os 9 millóns aportados pola Xunta * O Instituto Galego de Promoción Económica encargarase de xestionar as axudas en colaboración co departamento dirixido por Montilla * O ministro subscribe dous convenios para desenvolver as medidas incluídas en no Plan de Acción de Eficiencia Enerxética, ao que se destinan 15,84 millóns, e o Plan de Enerxías Renovables, dotado con 758.522 euros

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, asegurou que o convenio asinado entre o ministro de Industria, José Montilla, e o conselleiro de Economía, José Ramón Fernández Antonio, abre un marco de desenvolvemento e recuperación empresarial da comarca de Ferrolterra. O máximo mandatario autonómico salientou ademais o impulso dado cos convenios subscritos co conselleiro de Innovación, Fernando X. Blanco, ás estratexias para o aforro e aproveitamento enerxético e o plan de enerxías renovables.

Así o sinalou no Pazo de Raxoi tras presidir a sinatura de tres convenios co ministro de Industria, a quen lle agradeceu a súa colaboración para o impulso a estas medidas e a súa “vontade fehaciente e demostrada de cooperación”.

O convenio subscrito coa Consellería de Economía recolle axudas por importe de 46,5 millóns de euros para a reindustrialización das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, dos que 3,5 millóns se dedican a subvencións e 43 millóns, a créditos cun 0% de xuro. Para o presidente da Xunta, este convenio ábrelle a estas comarcas un “horizonte certo de confianza” ao poñer as bases para o impulso dun proceso de despegue e “recuperación industrial”, “para xerar emprego e riqueza” nunha zona que sufriu procesos de reconversións “durante tantos anos” e coa que o Goberno galego está “plenamente comprometido”. A estas contías, salientou o presidente, súmanse os 9 millóns que aportará a Xunta de Galicia, “co que imos xestionar case 20 millóns de euros de maneira inmediata a través de axudas directas a proxectos empresariais que xurdan na área de Ferrol e un volume moi importante de créditos na mesma dirección”.

“Este convenio debe permitirnos reenfocar e sacar adiante Ferrolterra”, salientou o máximo mandatario galego, obxectivo no que coincidiu co ministro José Montilla, quen fixo fincapé en que con este acordo se cumpre o compromiso acadado con estas comarcas o ano pasado de impulsar esa reactivación económica a través de axudas directas e créditos.

O presidente e o ministro tamén incidiron no “novidoso” da fórmula deseñada para a posta en marcha deste convenio, pois será o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) o encargado de avaliar os proxectos de investimento e creación de actividade amparados polo acordo asinado co Ministerio. A partir da recepción das solicitudes, o Igape deberá no prazo de 30 días naturais remitir ao Ministerio de Industria os informes técnicos correspondentes cunha proposta razoada das empresas e proxectos que considera que deben ser apoiados, e da posible distribución das axudas aos mesmos.

Para velar polo correcto desenvolvemento e seguimento do convenio de colaboración, créase unha Comisión de Seguimento constituída polo director xeral de Desenvolvemento Industrial, que actuará de presidente- o director do IGAPE- un representante de cada unha das partes asinantes, e un representante da Delegación do Goberno na Comunidade Autónoma de Galicia, actuando como secretario un funcionario da Dirección Xeral de Desenvolvemento Industrial.

Aforro e eficiencia enerxética

NotaEmilio Pérez Touriño tamén agradeceu ao ministro o compromiso coas enerxías renovables e o aforro e eficiencia enerxética verificado nos dous convenios asinados entre o ministro de Industria e o conselleiro de Innovación. O primeiro dos convenios desenvolve o Plan de Eficiencia Enerxética, ao que o Goberno central aporta 15,84 millóns de euros, mentres que o segundo pon en marcha o Plan de Enerxías Renovables, cunha achega de 758.522 euros.

Na súa intervención, José Montilla remarcou que a través da sinatura destes convenios coas comunidades autónomas o Goberno central pretende lograr no horizonte de 2011 que a xeración de enerxía por medio de fontes renovables acade o 30% do total, reducindo a dependencia enerxética española, así como reducir as emisións de dióxido de carbono á atmosfera, tarefas nas que é imprescindible a colaboración das autonomías, polo que agradeceu o “esforzo da Xunta neste campo”.

Galicia convértese así na cuarta Comunidade Autónoma beneficiada pola liberación dos fondos procedentes do Plan de Acción da Eficiencia Enerxética e o Plan de Enerxías Renovables, despois de Cataluña, País Vasco e Castela-A Mancha.

No caso de Galicia, a cifra total de recursos públicos (procedentes do Ministerio de Industria a través do IDAE e da propia Xunta de Galicia) dirixidos ao desenvolvemento das medidas incluídas en ambos Plans ascende a 16,59 millóns de euros. Destes, 15,84 millóns enmárcanse no Plan de Acción de Eficiencia Enerxética, mentres que 758.522 euros corresponden ao Plan de Enerxías Renovables.

Dentro do Plan de Acción de Eficiencia Enerxética, Galicia desenvolverá proxectos para promover a eficiencia enerxética nos sectores consumidores de enerxía por un importe de 15,84 millóns de euros, dos que 11,88 serán aportados polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio a través do IDAE, e 3,96 pola Xunta de Galicia.

Enerxías renovables

No referente ao Plan de Enerxías Renovables, as medidas a realizar concrétanse no establecemento por parte da Xunta de Galicia de programas de axudas públicas a inversións en novos proxectos de aproveitamento enerxético nas áreas de solar térmica de baixa temperatura, biomasa térmica doméstica e solar fotovoltaica illada.

O orzamento que o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio transferirá a Galicia a través do IDAE para estes programas de axudas públicas é de 758.522 euros; é dicir. Dese importe, o 44.1% é para axudas á solar térmica de baixa temperatura, o 39,8% para a biomasa térmica doméstica e o 16,1% para a solar fotovoltaica illada.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-04-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES