
Os responsables do MARCO estiveron atentos á chegada do visitante que facía o número 200.000, que cruzou o vestíbulo do museo en torno ás 18.00, e que foi obsequiado con varios dos catálogos recentemente publicados e cunha tarxeta de membro da Agrupación de Amigos do MARCO que, entre outras vantaxes, permite o acceso gratuíto a todas as actividades do museo durante un ano.
O visitante 200.000 foi Ramon Benedito, procedente de Barcelona e responsable de Benedito Design, estudio de deseño industrial fundado en 1973, que foi gañador do Premio Nacional de Deseño no ano 1992. A súa principal área de actividade é o deseño de aparatos electrónicos e informáticos, instrumental técnico e científico, máquinas y ferramentas, iluminación, equipamento doméstico, elementos para instalacións e para a construción, envases, embalaxes e mobiliario. Ramón Benedito, que estes días acudiu a Vigo por motivos laborais despois de varios anos sen visitar Galicia, obsequiou tamén ao director do MARCO, Iñaki Martínez Antelo, cun exemplar do seu catálogo editado con motivo da concesión do Premio Nacional de Deseño.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.