
Un grupo de investigación internacional sobre vacinas contra o meningococo B no que participa a USC vén de acadar financiamento do Ministerio de Sanidade a través da convocatoria do FIS de 2005. O proxecto ten como obxectivo buscar alternativas que permitan o deseño dunha vacina efectiva contra os meningococos do serogrupo B xa que os deseños das vacinas eficaces contra outros serogrupos como o A ou o C non dan resultado contra o B.
Neste proxecto cooperativo participa o grupo de investigación sobre vacinas contra a meninxite meningocócica do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC, facultativos do Complexo Hospitalario da Universidade de Santiago e equipos dos centros británicos Health Protection Agency (HPA) (www.hpa.org.uk) e National Institute for Biological Standards and Control (NIBSC) (www.nibsc.ac.uk) que traballan dende hai tempo no control de epidemias e o deseño de vacinas efectivas contra a meninxite B. Esta semana os representantes dos centros implicados manterán as primeiras reunións de traballo para a asignación e coordinación de tarefas nos diferentes grupos.
O equipo investigador está dirixido polos profesores Mª Teresa Criado Álvarez e Carlos Ferreirós Domínguez, e entre os seus colaboradores contan coa doutora Sandra Sánchez Poza, contratada polo programa Parga Pondal e experta na aplicación da xenómica, a proteómica e a bioinformática á análise de antíxenos bacterianos, tema sobre o que xa realizou traballos en colaboración con Andrew Gorringe, director do Grupo de Vacinas contra o Meningococo do HPA, e Ian Feavers, investigador titular do NIBSC. O grupo da Universidade de Santiago ten unha dilatada experiencia neste eido, mantendo esta única liña de investigación durante as últimas dúas décadas.
No estudo preténdese empregar os recursos de que dispón a biotecnoloxía actual e que sexan aplicables neste campo, como son certas técnicas de immunoproteómica, a síntese de nanopartículas que conteñan grupos específicos de antixénos e o uso de mutantes bacterianos, nun intento de solucionar os problemas que formula esta vacina e centrando as investigacións en deseños baseados nalgúns dos principais complexos proteicos antixénicos das membranas dos meningococos.
O proxecto deu xa os seus primeiros froitos. A empresa Sanofi Pasteur, a maior multinacional en produción de vacinas, mostrou xa un interese explícito polos resultados que se poidan obter.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.