Notas de prensa

Política Lingüística distribúe en todos os centros de ensino material didáctico e carteis sobre o Día das Letras Galegas

* As unidades didácticas e os carteis dan a coñecer a vida e a obra de Manuel Lugrís Freire. * Ademais de colexios e institutos, os destinatarios son tamén concellos, sindicatos, comunidades galegas e lectorados no exterior.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vai distribuír en todos os centros de ensino de Galicia distintos materiais didácticos destinados a dar a coñecer a vida e a obra de Manuel Lugrís Freire, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. O material elaborado polo departamento autonómico consta de unidades didácticas destinadas aos alumnos de Educación Primaria e Secundaria, exposicións de carteis ilustrados, CD-ROM, DVD, experiencias didácticas e unha escolma de textos de todos os autores homenaxeados no Día das Letras Galegas dende a súa primeira celebración, en 1963.

As unidades didácticas organízanse en dúas partes e varios bloques. Unha parte común ás unidades de primaria e secundaria dispón de informacións especialmente dirixidas aos profesores, e outra específica, de actividades plurais enfocadas para alumnos de primaria ou de secundaria.

Na parte común ofrécese unha cronobiografía do autor, que se relaciona cos acontecementos máis importantes de Galicia e do mundo para contextualizar obra e traballo. Disponse tamén unha sección titulada Dixeron na que se agrupan comentarios, opinións, visións e reflexións sobre a vida e a obra de Lugrís e achégase unha escolma dos textos que trataron o tema ata a actualidade. A sección Dixo recolle as palabras do propio Manuel Lugrís coa ortografía que utilizaba en cada momento e faise tamén unha escolma de textos agrupados en catro eixes: ensaios de prensa e discursos, narracións, poesía e teatro. A parte común conclúe cunha dobre bibliografía: a do propio autor e a que recolle a noticia dos principais traballos sobre a súa vida e obra.

As actividades específicas de primaria e secundaria ofrecen unha serie de materiais cos que traballar na aula a lembranza de Lugrís e da súa obra.

Preto de 2.000 destinatarios

Todos estes materiais vanse distribuír en preto de 2.000 centros. Específicamente, repartiranse 1.418 exposicións de carteis nos centros de educación primaria, 1269 exposicións nos centros de secundaria, 2.671 CD-ROM, 1.468 unidades didácticas para primaria, 1.405 para secundaria, 2767 DVD, 2.997 experiencias didácticas aplicadas ao ensino e 4.309 escolmas de textos sobre os autores aos que se lles dedicou o Día das Letras Galegas.

Ademais dos centros de ensino, a distribución vai chegar tamén aos centros de menores, ás comunidades galegas e lectorados de galego no exterior, aos concellos, aos sindicatos do ensino e a outras organizacións relacionadas coa lingua e a cultura.

O vindeiro mes de abril farase unha presentación pública destes materiais no IES Eusebio da Guarda, na Coruña, onde estudou o propio Manuel Lugrís Freire.

Gabinete de Comunicación da Secretaría Xeral de Política Lingüística, 2006-03-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES