Notas de prensa

O sector da artesanía pode concorrer ás axudas convocadas pola Consellería de Innovación e Industria

* O DOG publica a orde de axudas de apoio ao sector artesanal para este ano 2006, ás que se destinarán 600.000 euros.

A Consellería de Innovación e Industria anuncia, a través de convocatoria pública no Diario Oficial de Galicia de 27 de marzo de 2006, a orde de axudas para o fomento e desenvolvemento do sector artesanal para este ano 2006. O montante total das subvencións é de 600.000 euros, que se investirán en modernizar estruturas produtivas e introducir de novas tecnoloxías, potenciar a formación especializada e a incorporación de novos traballadores, así como fomentar a divulgación dos produtos e a participación dos artesáns en certames profesionais como expositores.

As axudas desta orde prestarán apoio tanto ás unidades produtivas do sector coma ás asociacións de artesáns. Serán actuacións subvencionables as desenvolvidas por artesáns, obradoiros e asociacións artesanais, así como proxectos concertados (cunha adhesión mínima de tres obradoiros), incluídas en proxectos de diversas categorías:

-Proxectos de innovación no proceso produtivo, como adquisición de maquinaria, ferramentas e equipo informático.
-Proxectos destinados a divulgar e promover produtos artesanais: deseño de imaxes corporativas, logotipos, realización de catálogos ou outro tipo de soporte publicitario e edición de material impreso ou audiovisual sobre produción artesá.
-Participación como expositor con stand propio en feiras de carácter profesional, sendo subvencionables os gastos de alugueiro e montaxe de stands ou a adquisición de elementos ou mobiliario básicos que formen parte do deseño do expositor...
-Gastos de inscrición en programas formativos de especialización profesional.
-Proxectos de mellora, impulso e potenciamento dos oficios tradicionais (zoqueiro, oleiro, cestería, forxa...), acceso a novos mercados e desenvolvemento de novos produtos, achegamento das actividades artesanais ás novas xeracións e introdución das producións artesanais na sociedade da información.
-Accións encamiñadas á incorporación do deseño ás novas liñas de produto.
-Contratación en prácticas de traballadores desempregados e alta na seguridade social de novos artesáns.

A selección dos proxectos subvencionables atenderá a criterios como a adecuación técnica e calidade do proxecto que se presente, a capacidade de xerar actividade económica na empresa, a mellora da divulgación e promoción das producións artesanais ou que o solicitante sexa mozo artesán ou muller.
O prazo para a presentación de solicitudes será dende mañá día 28 de marzo ata o 15 de maio de 2006. As solicitudes examinaraas unha comisión de avaliación presidida pola directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, Elena Veiguela, e formada por cinco vocais e un secretario (representantes da Consellería de Innovación e Industria). O prazo máximo para ditar e notificar aos interesados a resolución será de seis meses a partir do día seguinte ao que remate o prazo de presentación da solicitude.

Gabinete de Comunicacion da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, 2006-03-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES