O titular do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, asegurou que o Goberno que preside está a traballar intensamente para lograr máis competencias para Galicia. O presidente da Xunta salientou que se está a realizar un bo traballo, de diálogo activo e leal, pero tamén esixente co Goberno de España para lograr o traspaso de competencias cara á Comunidade galega. Neste sentido, amosouse confiado en que nun horizonte próximo quede desbloqueado este proceso de traspaso de transferencias e incluso se abra o camiño de cara o traspaso doutras novas.
Nunha comparecencia ante os medios de comunicación, Emilio Pérez Touriño amosouse confiado en que en breve se obteñan resultados positivos sobre este proceso. Puxo como exemplo, nun primeiro momento, o traspaso do Instituto Social da Mariña e, máis adiante, as competencias que se refiren a tráfico e seguridade vial.
Pérez Touriño sinalou ademais que este proceso de negociacións se está levando a cabo, en primeira liña, desde Relacións Institucionais, pero que tamén se está apoiando desde todo o Goberno da Xunta. Neste sentido, engadiu que el mesmo tentará manter xuntanzas cos distintos ministros para apoiar este proceso.
Non hai portas pechadas. Están abertos todos os temas, engadiu o máximo mandatario autonómico remarcando que se está a traballar para conseguir transferencias importantes para Galicia.
Grandes áreas metropolitanas
Por outra banda, o presidente da Xunta lembrou que o Goberno que preside ten vontade de diálogo, de cooperación e de concertación, de unir o país para avanzar nos temas importantes para Galicia. En referencia á Área Metropolitana de Vigo, Pérez Touriño sinalou que desde o Goberno galego se está a traballar para crear grandes áreas metropolitanas no país, empezando precisamente pola da cidade olívica.
Potenciaremos áreas metropolitanas acordes cos novos tempos, subliñou Pérez Touriño, xa que a preocupación do Goberno de Galicia é impulsar os mellores proxectos para o país.
O titular do Goberno autonómico lembrou que a vontade de cooperación e de diálogo entre todos os axentes implicados xa quedou posta de manifesto na sinatura do Pacto Local, cando se pactou coas distintas forzas políticas e cos municipios. E isto precisamente é o que imos seguir facendo, sinalou Touriño, a pesar dixo- de que a veces desde o PP se busca a confrontación co Goberno da Xunta.
Nesta liña, Pérez Touriño criticou ao Partido Popular que, durante 16 anos de Goberno en Galicia non foi capaz de pór en marcha nada, dixo referíndose á Área Metropolitana de Vigo. En 16 anos de Goberno do PP, no que Corina Porro foi conselleira e Alberto Núñez Feijóo tamén conselleiro e vicepresidente, non se foi capaz de dar a luz e concretar ningunha iniciativa, sinalou o presidente galego. Por iso criticou a actitude do presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, salientando que el agora está na oposición, algo que dixo, comprende que é difícil de encaixar.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.