Notas de prensa

Sesenta e cinco centros educativos de Galicia participan no concurso Euroscola 2006, no que colabora a Xunta de Galicia

* O programa europeo conta co apoio das direccións xerais de Xuventude, de Cooperación Exterior e da Fundación Galicia Europa * Os gañadores recibirán os seus premios nun acto que terá lugar en Santiago de Compostela o vindeiro 12 de maio

Un total de 65 centros educativos galegos participan dende o pasado 20 de febreiro ata o vindeiro 6 de abril no Concurso Euroscola 2006, promovido pola Comisión Europea e que este ano xa celebra a súa décimo-terceira edición baixo o lema “A Unión Europea no mundo: A política exterior e a axuda para o desenvolvemento”. O obxectivo deste ano é conseguir que a mocidade europea se sinta máis próxima e solidaria cos problemas que rodean aos países europeos, coñecendo aas distintas axudas para o desenvolvemento e a cooperación internacional da UE.

Ademais da colaboración da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, co gallo do lema deste ano, Euroscola 2006 conta tamén co apoio da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, da Dirección Xeral de Cooperación Exterior e da Fundación Galicia Europa. Co apoio a este programa, a Xunta de Galicia pretende que a mocidade galega se interese polas problemáticas de distintos ámbitos sociais, fomentando así a participación activa dos máis novos en todas as esferas da sociedade. Téntase ademais que a xuventude coñeza máis polo miúdo e se involucre ao mesmo tempo nun ámbito tan crucial e de actualidade, como é o da política exterior e as axudas ao desenvolvemento.

Concurso

Euroscola é un xogo interactivo educativo en Internet, no que poden participar todos os centros de ensino de secundaria dos Estados membros da Unión Europea. Máis de 1.200 centros de toda España e 65 en Galiza están participando na iniciativa dende o pasado 20 de febreiro e ata o vindeiro 6 de abril.

As institución europeas e españolas promotoras do concurso premian aos gañadores (un por comunidade) coa asistencia ao Parlamento Europeo de Estrasburgo e cunha bolsa de viaxe de 600 euros. Á parte destes galardóns, a Xunta de Galicia -a través de Xuventude e Solidariedade- premiará aos cinco finalistas cunha estadía en Santiago de Compostela, mentres que Cooperación Exterior e a Fundación Galicia Europa outorgaranlle un lote educativo e informativo aos centros escolares e con outros agasallos aos rapaces.

Os premios entregaranse nun encontro que se vai desenvolver en Santiago de Compostela o venres 12 de maio. A ese acto acudirán o secretario xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia e director da Fundación Galicia Europa, Santiago Gómez-Reino; o director xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela, e a directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo Sotelo.

A décimo terceira edición do concurso Euroscola 2006 enmárcase na campaña “Falemos de Europa”, que conmemora os 20 anos de España na Unión Europea. A Oficina do Parlamento Europeo e a representación da Comisión Europea en España convocan e organizan esta iniciativa a nivel España.

Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia, 2006-03-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES