A Mesa pola Normalización Lingüística celebrou Asemblea Xeral, na cal se aprobou por unanimidade a renovación da xunta directiva desta entidade e o recoñecemento a Xosé Manuel Sarille como Presidente de Honra. Carlos Callón, o reelecto presidente da Mesa, indicou que Sarille non só foi recoñecido polos seus importantísimos contributos á Mesa no pasado, sendo presidente fundador da entidade e estando en postos directivos durante 15 dos 20 anos da asociación, se non que el continúa a ser un referente e un activo imprescindíbel para esta organización, no presente e no futuro.
A Mesa celebrou un acto de feche da súa asemblea no cal estiveron presentes, entre outras moitas delegacións convidadas, a Conselleira de Cultura, o Conselleiro de Medio Rural, a Vicepresidenta do Parlamento Galego, o Presidente da Comisión de elaboración do novo Estatuto no Parlamento galego, o tenente alcalde de Santiago, etc, ademais de representantes de CIG, CCOO e UXT.
No acto de clausura, presentado por Carlos Blanco, interviron o socio de maior idade, Avelino Pousa Antelo, e tres dos colaboradores de menor idade (Alexandre, Aldán e Ramón Daniel), como exemplo da transmisión da loita en defensa da lingua. O Presidente de Honra, Xosé Manuel Sarille, recordou que cando se fundou A Mesa en 1986, en Galiza triunfaba o desencanto, ese clima social posterior á euforia que producira a transición política e fixo unha semblanza emotiva dos 20 anos da Mesa, recordando o contributo imprescindíbel de moitas persoas para conseguir consolidar este movemento nacido da cidadanía.
Na súa intervención, Carlos Callón, fixo un chamamento á mobilización cidadá o día 17 de maio en defensa dun Estatuto que contribúa a solucionar os problemas de discriminación lingüística que continúan a existir en Galiza. Por esa razón, A Mesa propón que o galego apareza como dereito e deber no novo texto estatutario, no mesmo nivel que o castelán, porque só así se poderá garantir o dereito de opción lingüística. A Mesa, que festexa os seus 20 anos ao servizo do galego neste 2006, ten que ser capaz de estar á altura do que o momento histórico demanda. Conseguir que o galego non estea por debaixo do castelán e que exista unha carta de dereitos lingüísticos recoñecida nun primeiro nivel, con todas as garantías, é un dos nosos obxectivos estratéxicos.
Equipo directivo da Mesa pola Normalización Lingüística
A nova xunta directiva, electa por unanimidade da Asemblea Xeral, é a seguinte:
Presidente: Carlos Callón
Vicepresidente e Responsábel de Nais e Pais polo Ensino en Galego: Adolfo Muíños
Secretaria Xeral: María Xosé Jamardo
Coordenador de Zonas: Francisco Rei
Coordenadora de Voluntariado Lingüístico: Fátima Braña
Coordenadora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos: Elsa Quintas
Responsábel Nacional de Mocidade pola Normalización Lingüística: Iria Taibo
Vogal: Begoña Valdés
Vogal: Susana Romero
Vogal: Andrés Gómez-Chao
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.