O conselleiro de Innovación e Industria e presidente da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, Turgalicia, Fernando Blanco, e o presidente de Paradores, Antoni Costa, asinaron en Santiago un acordo de colaboración para a promoción dos establecementos galegos adheridos á rede hoteleira, e de xeito especial os dous que se sitúan na Ribeira Sacra, Santo Estevo de Ribas de Sil (Ourense) e Monforte de Lemos (Lugo).
Segundo este acordo, Turgalicia e Paradores de Turismo desenvolverán unha campaña de publicidade, entre os días 23 de marzo e 21 de abril, ao obxecto de divulgar no Estado as posibilidades que ofrecen os paradores galegos e atraer visitantes ao noso país.
Polo convenio asinado hoxe entre os presidentes de Turgalicia e Paradores, destinaranse 200.000 euros á realización dunha campaña de publicidade nos medios de comunicación españois, de acordo coa creatividade da campaña actual da empresa hostaleira.
Este acordo de colaboración entre as dúas institucións xorde como consecuencia das xuntanzas que mantiveron os presidentes de Turgalicia e Paradores ao obxecto de incentivar a ocupación dos dous establecementos da Ribeira Sacra, mediante a promoción da zona e dos dous hoteis.
Deste xeito, unha das creatividades publicitarias fai específica referencia á Ribeira Sacra: Vive a Ribeira Sacra, na que se inclúen fotografías dos paradores de Santo Estevo de Ribas de Sil e Monforte de Lemos, así como un texto no que se relacionan os principais atractivos turísticos deste territorio do interior galego.
Ademais, a campaña conta con outro anuncio, Vive Galicia que se centra na oferta global dos paradores galegos.
Paradores conta con 11 establecementos en Galicia de entre cinco e catro estrelas. Os dous últimos paradores abertos foron os de Monforte de Lemos (Lugo) e Santo Estevo de Ribas de Sil que, con 50 e 74 cuartos respectivamente, sitúan á Ribeira Sacra como unha das zonas interiores mellor dotadas de prazas hostaleiras de calidade.
Así, a Consellería de Innovación e Industria considera obxectivo prioritario para esta lexislatura a promoción turística desta zona, promoción que inclúe os establecementos hoteleiros e a dinamización da oferta complementaria para incrementar a ocupación.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.