O titular da Xunta, Emilio Pérez Touriño, comprometeu o apoio do Goberno que preside a todas aquelas iniciativas encamiñadas á creación de industrias culturais potentes. Galicia está en condicións, posúe a materia prima esencial para o xurdimento de iniciativas empresariais arredor da cultura, para a creación e o fortalecemento de industrias culturais potentes e cunha clara vocación de xeración de emprego e riqueza, afirmou. Por iso, sinalou estas iniciativas contan co compromiso do Goberno galego e eu quero animar non só ás xentes da cultura, senón tamén ás empresas e aos axentes económicos a que se unan a este obxectivo de país mediante o mecenado e mediante o investimento.
Durante a inauguración da sede da Fundación Caixa Galicia, o máximo mandatario autonómico tamén sinalou que o Goberno galego concibe a cultura como un ben social, como un dereito dos cidadáns e co espazo de liberdade capaz de incrementar a autonomía das persoas e o benestar da comunidade. Partindo destes principios, engadiu Touriño, considero que é unha obriga dos poderes públicos contribuír á súa difusión e a facela accesible ao conxunto dunha cidadanía á que debemos estimular para participar en todos os procesos sociais e tamén nos culturais.
Potencialidade da cultura
Na súa intervención, o presidente da Xunta salientou que, precisamente a cultura é un dos ámbitos onde Galicia presenta unhas capacidades máis que notables e un moi considerable potencial de futuro, e xa non só no que atinxe ás súas dimensións tradicionais de conformación simbólica da identidade persoal e colectiva, senón tamén no tocante ao seu papel como factor de dinamización social e política e como sector económico de importancia crecente.
Na Comunidade galega, segundo lembrou Pérez Touriño, a cultura segue a desempeñar os seus cometidos tradicionais, sendo portadora de símbolos e creadora de valores, tanto individuais como colectivos. Así mesmo, a cultura tamén segue a ser un importante elemento para a cohesión identitaria e para o autorrecoñecemento como galegos. A novidade é, a xuízo do mandatario autonómico, que, por primeira vez na nosa historia, a actividade cultural empeza a ser tamén un elemento xerador de riqueza e un factor de vitalidade económica e social. Neste aspecto engadiu-, Galicia non é allea ao que ocorre ao seu arredor e está a falar con voz propia no contexto español e internacional.
Por este motivo, Emilio Pérez Touriño reiterou o apoio do Goberno que preside a esta materia posto que, segundo sinalou, os creadores galegos e a cultura galega teñen que contar co apoio de políticas culturais e de estruturas de difusión que lles faciliten tanto o eco interior como a súa participación na cultura do mundo.
A nova sede da Fundación
Na súa intervención, o presidente da Xunta tamén lle trasladou os seus parabéns á Fundación Caixa Galicia, ao seu presidente, ao seu director xeral e ao Padroado, así como ao arquitecto Nicholas Grimshaw, o creador da nova sede da Fundación Caixa Galicia na Coruña.
Ademais de pola nova sede da Fundación, segundo Touriño, unha nova estrutura ao servizo da arte, da cultura e da promoción social e económica do país, o presidente da Xunta tamén felicitou a Caixa Galicia pola actividade global de recuperación arquitectónica que, a través do seu programa de sedes, está a levar a cabo a fundación nas principais cidades galegas.
Non podemos obviar que este edificio que hoxe se inaugura forma parte dun ambicioso proxecto polo cal a Fundación Caixa Galicia dispón xa de sedes en edificios emblemáticos, recuperados para a vida cidadá e coidadosamente rehabilitados, en Vigo, Ferrol, Lugo, Pontevedra, Monforte de Lemos e Santiago de Compostela, sinalou.
Por último, o mandatario autonómico amosou o seu desexo de que a nova sede se converta nun novo faro de luz e de cultura, de galeguismo e diversidade, de pluralidade e de civismo; un faro capaz de detectar e dar luz a todos os navíos que surcan os mares da cultura nesta Fisterra que é o principio e a fin de todos os camiños, concluíu.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.