O Diario Oficial de Galicia publica o 22 de marzo de 2006 dúas ordes da Consellaría de Innovación e Industria polas que se aproban as bases para a concesión de dúas liñas de axudas aos concellos para a adecuación e modernización de equipamentos comerciais e para actuacións de vertebración do comercio urbano. Ambos aspectos son considerados de vital importancia pola consellaría e así o fai constar no seu Plan de Renovación e Mellora do Comercio Galego, no que se inclúe un programa específico de mellora competitiva do comercio polo miúdo que entre outras cuestións persegue, por unha banda, a inclusión por parte dos concellos da actividade comercial como un elemento mais dentro do concepto global de planificación urbanística e, por outra, o impulso dos espazos de uso comercial como fórmula para conxugar os intereses entre o comercio e o entorno no que se desenvolve a súa actividade.
Deste xeito, e a través da orde para a adecuación e modernización de equipamentos comerciais, Innovación e Industria establece unha liña de colaboración coas corporacións locais para posibilitar medidas e actuacións que sirvan para modernizar, potenciar e revitalizar o comercio naquelas áreas que son, ou poden chegar a ser, polos de atracción con efectos expansivos para o tráfico comercial. A consellaría destina a estas axudas 3.382.000 euros distribuídos en tres anualidades de 1.877.000 euros (ano 2006), 940.000 euros (ano 2007) e 565.000 euros (ano 2008) e establece a contía máxima de subvención en ata un 70% do investimento subvencionable aprobado, dependendo do tipo de investimento que se subvencione.
Os concellos poderán optar a estas axudas no caso de pór en marcha actuacións como a realización de estudos de mellora da organización dos mercados retallistas, así como a realización dos proxectos de investimento como consecuencia das propostas formuladas nos devanditos estudios que favorezan a posta en marcha de novos servizos ou que supoñan unha transformación substancial da súa infraestrutura, funcionamento ou xestión. Asemade, serán obxecto de subvención os investimentos en mercados retallistas, en concreto a construción, reparación, modernización e remodelación da estrutura física e das instalacións de uso comunitario, así como entornos anexos onde se produza venda de produtos tradicionais. Os concellos tamén poderán recibir axudas para os investimentos en proxectos para adecuación física ou mellora de espazos destinados a mercados tradicionais e para investimentos noutros equipamentos comerciais, en particular as dotacións de equipo e instalacións xerais ou complementarias que se integren en unidades comerciais afíns.
Para a segunda liña de axudas publicada hoxe no DOG, a de actuacións de vertebración do comercio urbano, o departamento dirixido polo nacionalista Fernando X. Blanco vai achegar un total de 4.500.000 euros, distribuídos en tres anualidades de 2.500.000 euros (ano 2006), 1.250.000 euros (ano 2007) e 750.000 euros (ano 2008). A consellaría colaborará cos concellos naquelas actuacións que sirvan para a vertebración do comercio urbano, asociado ao desenvolvemento dos eixes comerciais, polo que serán obxecto de subvención os estudios e diagnoses sobre a situación do comercio en áreas xeográficas determinadas co obxectivo de implantar plans de dinamización e mellora de ditos territorios.
Tamén a realización de estudos de mellora da organización de centros comerciais de barrio, naquelas áreas que se encontren degradadas e/ou nas que se implantaran novas fórmulas comerciais, especialmente de gran superficie, así como a realización dos proxectos de investimento de mellora física, xestión ou accesibilidade, como consecuencia das propostas concretas formuladas nos devanditos estudos. Asemade, os concellos poderán solicitar axudas para as actuacións en rúas ou zonas peonís comerciais e en eixes comerciais, especialmente onde estean constituídos centros comerciais abertos. Por último, tamén será subvencionable a creación de servizos municipais ou mancomunados de apoio ao comercio. Nesta liña de axuda, a contía máxima da subvención será tamén de ata un 70% do investimento subvencionable aprobado, en función tamén do tipo de investimento a subvencionar.
Os concellos interesados en obter algunha subvención destas dúas novas ordes de Innovación e Industria terán que presentar a súa solicitude antes do 29 de abril deste ano.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.