Notas de prensa

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra preséntase na Feira de Bolonia (Italia)

Anunciouse nunha rolda de prensa no Concello de Pontevedra a presenza do Salón do Libro Infantil e Xuvenil na Feira de Bolonia (Italia), e presentouse catálogo desta sétima edición ós medios.

Polo concello de Pontevedra estivo presente a edil de cultura, María Xesús
López Escudeiro, e intervíu tamén a coordinadora do Salón, Helena Torres.
María Encinas acodíu en representación da Fundación Caixa Galicia,
Roberto Rivas pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega e Mercedes Vázquez
pola Asociación Máislibros.

O catálogo da sétima edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de
Pontevedra recolle, con exhaustividade, os actos que se desenvolveron o
pasado mes ó abeiro desta cita cos libros. As fotografías do libro tamén
recollen a transformación física que experimentou o Pazo da Cultura de
Pontevedra entre o 5 de febreiro e o 3 de marzo, datas nas que puideron
ser visitadas as exposicións. Este catálogo que foi presentado hoxe ós
medios quere ser tamén un reflexo da sempre inestimable colaboración dos
centros educativos, dos axentes sociais e culturais e, en definitiva, da
cidade. Non en van, a presente edición foi visitada por 18.000 persoas, un
número que vai en progresión ascendente a cada nova edición do Salón do
Libro de Pontevedra.

A resoancia do Salón chega a toda Galicia, posto que foron numerosas as
peticións de centros educativos de fóra da comarca e mesmo da provincia de
Pontevedra para visitarnos. Agora que a feira xa chegou á súa fin, comeza
a itinerancia de moitas das súas exposicións. Polo de agora, algúns
materiais viaxarán a Dodro (A Coruña) e Vilagarcía de Arousa. Os colexios
da comarca premiados pola súa contribución ó Salón recibirán cadanseu lote
de libros o vindeiro 5 de abril ás 12.30 horas no Concello de Pontevedra.

A difusión do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra volve
traspasar fronteiras. Esta vez, en Italia, na Feira Internacional do Libro
Infantil e Xuvenil de Bolonia (www.bookfair.bolognafiere.it), que se
celebra do 27 ó 30 deste mes de marzo. A cita de Bolonia transcorre xa
pola súa 43ª edición e é un dos encontros máis importantes do mercado dos
dereitos de autor de libros para os pequenos. Participan escritores,
editores, axentes literarios, productoras de televisión e de cine... Ata
máis de 2.500 artistas procedentes de 59 estados. O ano pasado foi España
o país convidado co gallo das celebracións do "Quixote", este ano é
Hungría. No stand da Xunta de Galicia hai unha presenza moi destacada do
Salón, de carácter persoal como material. Amais de todo tipo de
información sobre o Salón (cartelería, folletos, catálogo...), unha
representación da organización, encabezada pola coordinadora, Helena
Torres, terá unha participación activa na Feira. Sen dúbida, será unha
expedición moi proveitosa para o futuro do Salón que conta co apoio
decidido da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de
Galicia.

Gabinete de Prensa do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, 2006-03-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES