Notas de prensa

A Lei para a Inserción Laboral das Mulleres iniciará a súa andadura parlamentaria no primeiro semestre deste ano

* Ricardo Varela anunciou no Parlamento que o seu departamento presentará un proxecto no que se contemplen “medidas directas, concretas e de inmediato cumprimento”. O texto final verase máis enriquecido, “grazas ás aportacións dos grupos políticos representados na Cámara galega”, apuntou Varela * O responsable de Traballo asegurou que o seu departamento “apoiará explicitamente todas as iniciativas que aposten pola igualdade e axudará a que as empresas implementen Plans de Igualdade” * Varela sinalou que para Traballo “a muller é un obxectivo prioritario e tal prioridade no emprego xa se puxo de manifesto nas Medidas Urxentes para mellorar a empregabilidade da mocidade galega”, e engadiu que a perspectiva de xénero está incluída en todo o diálogo social onde terá un tratamento específico nas mesas referentes a Políticas de Emprego e a Cohesión Social e Igualdade

O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, interveu no pleno do Parlamento para dar conta do proxecto de Lei de Inserción Laboral das Mulleres e das liñas de actuación sobre o emprego feminino que está a desenvolver o seu departamento.

Varela anunciou na Cámara que antes de que remate o semestre, “a Lei de integración laboral da muller no mercado de traballo iniciará a súa andadura parlamentaria e será nese intre cando o seu texto poda ser enriquecido, aínda máis, coas aportacións dos grupos parlamentarios”. Nese senso, a Consellería de Traballo presentará ao Parlamento un Proxecto de Lei que conteña “medidas directas, concretas e de inmediato cumprimento”, asegurou Varela.

O conselleiro de Traballo afirmou que “xa o título que se está a barallar (Lei para a Inserción Laboral das Mulleres), fuxe das indefinicións e fai referencia explícita ás destinatarias das mesmas, as mulleres” e engadiu que “as medidas que conteñan serán medidas, non brindes ao sol nin declaracións de intencións”.

Ricardo Varela sinalou que a perspectiva de xénero está incluída en todo o diálogo social, aparecendo como tema consensuado cos axentes económicos e sociais, pois “na mesa de traballo referente ás Políticas de Emprego, Saúde Laboral e de Economía Social e da mesa sobre Cohesión Social e Igualdade terá un tratamento mais fondo e preciso”. Varela sinalou, que o seu departamento ten claro que “a muller é un obxectivo prioritario e tal prioridade no emprego xa a puxemos de manifesto nas medidas urxentes para mellorar a empregabilidade da mocidade galega onde contamos co consenso das organizacións económicas e sociais de Galicia”.

Por outro lado, o responsable de Traballo asegurou que se “apoiará explicitamente todas as iniciativas que aposten pola igualdade e axudará a que as empresas implanten Plans de Igualdade”.

Consideracións sobre actuacións anteriores

Durante o pleno do Parlamento a deputada popular Susana López Abella preguntou ao titular de Traballo por accións promovidas polo anterior goberno como os Plans de Igualdade para as empresas, regulado pola Lei 7/2004 e polo suposto Plan de Emprego Feminino 2004-2006.

En canto aos Plans de Igualdade para as empresas, o titular de Traballo quixo recordar aos presentes e, especialmente a esta deputada, que esa Lei 7/2004, elaborada polo Goberno popular, “carece da concreción precisa para o seu desenvolvemento e se cadra por iso vostedes,-dirixíndose a López Abella-, que gobernaban ata fai 7 meses, nunca desenvolveron tal previsión legal”. O titular de traballo sinalou que nos 54 artigos dos que consta a devandita Lei e nas sete disposicións adicionais non sei fai referencia ao que é un Plan de Igualdade para as empresas.

Así mesmo o conselleiro explicou que esa Lei de Igualdade de Homes e Mulleres, posta en marcha polo Goberno anterior, “nin sequera facía referencia no título ás destinatarias, faltaban uns obxectivos claros e concretos, referencias temporais en canto a prazos de execución, posta en marcha, etc... deficiencias que a maioría parlamentaria da que gozaban vostedes entón, non permitiron completar”.

Con respecto ao Plan de Emprego Feminino 2004-2006 ao que fixo referencia a deputada do Partido Popular, Varela asegurou que “non existe en Galicia tal Plan de Emprego Feminino 2004-2006”. O conselleiro mostrou aos deputados un documento titulado A muller e o emprego, que conta cun subtítulo no que se pode ler Plan de Emprego feminino. Segundo o conselleiro este documento “parece máis un resumo de programas da Consellería que incluía todo o vixente, xa que tamén se incluía o Plan Labora”. Varela advertiu de que, “o devandito documento, que non Plan, nunca foi presentado publicamente, nin tan sequera falado nin presentado aos axentes económicos e sociais, nin enunciado ou presentado no Comité Autonómico de Emprego, é máis nin contaba con dotación orzamentaria e nin sequera foi elaborado polos responsables políticos da Consellería senón por unha consultora privada, polo tanto o que nunca existiu non merece nin pode ser valorado polo Goberno”.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia, 2006-03-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES