Notas de prensa

Convocado o XXIII Concurso de Contos para a Mocidade da Casa da Xuventude e a Agrupación de Libreiros de Ourense

A Casa da Xuventude de Ourense e maila Agrupación de Libreiros de Ourense acaban de convocar, novamente, o seu Concurso de Contos para a Mocidade, que como cada ano se galardoa co Premio Ourense.

Apoian a iniciativa a Concellería de Cultura, Festas e Festival de Cine, do Concello de Ourense e a Delegación Provincial da Igualdade e do Benestar. De novo ábrese ós rapaces e rapazas galegos de entre 14 e 30 anos a posibilidade de veren publicados os seus relatos, e de obteren bos premios: a contía do primeiro premio é de 750 €, e a dos catro accésit segue sendo unha cantidade interesante, 200 €. En atención ós máis novos, un destes accésit resérvase, como é habitual, ós menores de 18 anos. Ademais, desde a oitava edición son publicados os premios e accésit en volumes anuais co formato de libro de peto.

O Premio Ourense é un certame cunha importante tradición ás súas costas. Nas vinte e unha edicións anteriores teñen gañado nel autores que, agora ou desde hai tempo, deixaron de ser promesas para convertérense en importantes nomes da cultura galega; é o caso de Xosé Carlos Caneiro, Pedro Gonzalves, Marco Valerio Lama, Paula Carballeira Cabana, Sechu Sende, An Alfaya, Rafa Villar, Antón Riveiro Coello, Estevo Creus ou Ana Cristina López (“Ana Mirinda”). Unha demostración, xa que logo, de que o Concurso de Contos para a Mocidade constitúe unha boa oportunidade de dar o primeiro paso no mundo das letras para moitos xoves valores, que non desaproveitan a ocasión para dar a coñecer a súa valía.

O prazo de entrega de orixinais remata o 26 de abril, para ser comunicada a decisión do xurado o día das letras galegas, o 17 de maio.

Regulamentos

Participantes: Poden concorrer todas as persoas entre 14 e 30 anos que o desexen, con un ou varios relatos.

Tema: Os traballos, de tema libre, deberán ser orixinais e inédi-tos, non poderán estar premiados noutros concursos e estarán escritos en galego.

Extensión: A extensión mínima será de seis folios, e vinte e cinco a máxima, mecanografados a dobre espazo e por unha soa cara (entre 8.000 e 33.000 caracteres en total).

Entrega: Os traballos entregaranse na Secretaría da Casa da Xuventude, Celso Emilio Ferreiro, 27. 32004 Ourense. Pódense enviar por correo. As narracións presentaranse baixo pseudónimo e irán acompañadas dun sobre pechado, no exterior do que figurará o pseudónimo (así como a frase «menor de 18 anos», se este fose o caso), e no interior unha fotocopia do DNI mais o título ou títulos dos contos, así como enderezo e teléfono. [Os organizadores agradecen o envío a maiores dunha versión informática do texto, ben en disquete ou CD (Word ou formato compatíbel), ou ben por correo electrónico ([email protected])]

Prazo: O prazo de presentación remata o 26 de abril de 2006.

Resultado: O xurado dará a coñecer a súa decisión antes do 17 de maio de 2006. Esta será inapelábel.

Premios: Establécense os seguintes:
Primeiro premio: 750 €
Catro accésit de 200 € cada un. Un accésit recaerá necesaria-mente nun concursante menor de 18 anos (que non teña cumprido estes o 17 de maio de 2006).
Cada premiado/a só poderá recibir un dos premios.
Os premios poderán ser declarados desertos.
Serán entregados dentro do programa da Feira do Libro de Ourense.
Os premios estarán suxeitos ás disposicións vixentes na lexislación tributaria sobre retencións.

Derradeiras: Os organizadores editarán os contos premiados. A parti-cipación supón a aceptación dos presentes regulamentos.

Casa da Xuventude de Ourense, 2006-03-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES