Notas de prensa

A Consellería de Innovación e Industria vixía de preto todo o proceso de adquisición de Endesa

* Fernando Blanco informou no Parlamento das repercusións en Galiza das dúas OPA formuladas sobre Endesa e das xestións do seu departamento para garantir os investimentos da eléctrica. * O conselleiro asegura que os compromisos de Endesa son “irrenunciábeis” e deben garantirse sexa cal sexa o resultado das operacións.

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, afirmou en comparecencia parlamentaria que o departamento que dirixe velará por que os investimentos previstos por Endesa en Galiza non se vexan alterados sexa cal sexa o resultado das dúas OPA anunciadas sobre o capital da eléctrica, unha por Gas Natural e outra por E.ON. Segundo o conselleiro nacionalista, os investimentos previstos ou xa postos en marcha por Endesa deben ser garantidos independentemente do resultado das operacións anunciadas, obxectivo polo que está a traballar, dixo, a Consellaría de Innovación e Industria.

Fernando Blanco explicou no Parlamento que Endesa contempla actuacións en Galiza por valor de 1.400 millóns de euros, consideradas dende a Consellaría de Innovación e Industria como cruciais para o sector enerxético galego, así como para o desenvolvemento industrial e a viabilidade económica das áreas de Ferrolterra e As Pontes. Entre estes investimentos figuran a participación na planta regasificadora de Reganosa en Mugardos, os ciclos de carbón e o ciclo combinado de 800 MW a pór en funcionamento na central das Pontes.

OPA de Gas Natural

Verbo da OPA lanzada por Gas Natural, Blanco lembrou que as condicións impostas polo Goberno central a esta operación, entre elas a venda da central térmica das Pontes e da participación de Endesa en Reganosa, crea “incerteza” respecto do futuro dos proxectos.

Non obstante, o feito de que os outros socios de Reganosa -entre os cales se atopa o propio Goberno galego- poidan adquirir as accións que Endesa ten na planta, si supón unha “garantía” para a continuidade da mesma e a súa entrada en funcionamento.

A pesar das incertezas xeradas sobre a OPA de Gas Natural, Fernando Blanco salientou que o éxito desta non debe pór en cuestión os investimentos estratéxicos. Así, o conselleiro nacionalista explicou as xestións do seu departamento para garantir estes compromisos de saír adiante a OPA. Dende o anuncio da OPA, dixo Blanco, fixéronse numerosas xestións para “interesarnos” pola marcha da operación para garantir os investimentos previstos. A Consellaría, indicou, realizou xestións perante o Servizo de Defensa da Competencia e da propia Gas Natural, amais de acadar do ministro de Industria, José Montilla, o compromiso de manter todos os proxectos á marxe do resultado desta OPA.

OPA de E.ON

O conselleiro informou na súa comparecencia das xestións realizadas ante a dirección da eléctrica alemá E.ON para coñecer e valorar o seu nivel de compromiso cos proxectos de Endesa en Galiza de prosperar a súa oferta de adquisición. Así, Fernando Blanco e o director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Anxo Calvo, entrevistáronse en Düsseldorf cos directivos de E.ON, que se comprometeron, dixo Blanco, a garantir os postos de traballo e mais os investimentos de Endesa. Ante as demandas do conselleiro de que incrementasen estes investimentos, os responsables da empresa alemá amosaron unha boa predisposición a estudar a posibilidade, sempre condicionado, afirmou o conselleiro de Innovación e Industria, á maneira na que evolucione e se resolva a OPA en curso.

Blanco afirmou que se está a producir unha reestruturación do sector enerxético que acada o ámbito europeo, e que as actuacións da Consellaría que dirixe se encamiñarán a conseguir que os compromisos de Endesa non se vexan alterados. Con este obxecto, recalcou o conselleiro, a Consellaría de Innovación e Industria “fará valer” o seu posicionamento perante todos os actores que inteveñen nas dúas OPA: Goberno do Estado, Endesa, traballadores e empresas que optan á adquisición.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, 2006-03-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES