
A Xunta proporá ao Ministerio de Xustiza a creación de cinco novos órganos xudiciais nas cidades de Ferrol, Santiago, Vigo, Carballo e Ponteareas no 2006, segundo anunciou o titular de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, tras unha xuntanza da Comisión Mixta entre o Tribunal Superior Xustiza de Galicia (TSXG) e esta Consellería.
O conselleiro explicou que as cinco unidades que o Ministerio ten reservadas para Galicia deben ser, segundo o acordo alcanzado cos representantes do TSXG, un xulgado mixto en Ferrol, un segundo contencioso-administrativo en Santiago, un xulgado especializado en delitos de violencia contra a muller en Vigo, e novas unidades xudiciais nos concellos de Carballo e Ponteareas. Son propostas derivadas do número de asuntos que trata cada xulgado, e na ponderación do diferente peso e dos distintos tipos de iniciativas xudiciais, e por tanto son propostas que responden absolutamente a criterios de prioridade, afirmou Méndez Romeu.
O titular de Presidencia engadiu que, se ben estas son as únicas prazas previstas no plano de creación de unidades xudiciais en Galicia no ano 2006, xa se están a estudiar outras para a súa creación en 2007. Os novos órganos entrarán en funcionamento a finais de ano, aínda que o presidente do TSXG, Jesús Souto Prieto, apuntou a posibilidade de que tanto o contencioso-administrativo de Santiago coma o mixto de Ferrol estean en marcha a principios do próximo verán.
Labor de Souto coma presidente do TSXG
Doutra banda, o conselleiro tamén se referiu á posibilidade de crear un xulgado destinado á violencia de xénero na Coruña, indicando que ás cifras poñen de manifesto que, actualmente, resulta máis prioritario en Vigo, e adiantando que se estudiará a súa creación no ano 2007, se as necesidades así o esixen.
Esta foi a última xuntanza da Comisión Mixta a que asiste Souto, xa que en breve deixará a presidencia do TSXG para ser maxistrado no Tribunal Supremo. Méndez Romeu gabou a labor de Souto ao frente deste organismo, e destacou a súa voz fortemente implicada na galeguización da xustiza e na mellora da infraestructura material e humana en Galicia, asegurando que vai deixar unha perda importante no mundo xudicial.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.