Notas de prensa

O presidente da Xunta anuncia que no mes de abril 30.000 alumnos galegos disporán de acompañante no transporte escolar

* A ampliación deste servizo, no que se investirán 8.150.000 euros este mesmo ano, permitirá implantar esta figura en 1.245 novas rutas, o que supón un incremento do 1.200% * Nos últimos catro anos, a figura do acompañante implantouse nun 4,85% das rutas, e, neste mes de abril pasará a cubrir o 60% das mesmas * En palabras do mandatario galego, esta iniciativa sitúase “en coherencia co compromiso social deste novo Goberno galego” * Emilio Pérez Touriño fixo este anuncio, durante unha visita ao Centro de Educación Infantil e Primaria Apóstolo Santiago

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou que, neste mes de abril, se implantará a figura do acompañante escolar en 1.245 novas rutas, o que supón un incremento do 1.200%. Deste xeito, a administración autonómica cubre este servizo educativo no 60% dos traxectos que precisan a implantación desta figura, pasando de 109 rutas existentes na actualidade a 1.354 que disporán deste servizo no vindeiro mes. Nos últimos catro anos, a figura do acompañante escolar tan só se implantou no 4,85 por cento dos traxectos.

Segundo salientou o máximo mandatario autonómico durante a visita que realizou esta mañá ao Centro Apóstolo Santiago, na que estivo acompañado pola conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, a ampliación deste servizo beneficiará a preto de 30.000 alumnos de infantil e primaria, o que significa que arredor do 63% deste alumnado que a diario fai uso do servizo de transporte escolar disporá da figura do acompañante, que coidará da súa seguridade durante o transporte.

Para cubrir este servizo, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria achegará un total de 8.150.000 euros para este ano. Unha vez que este servizo estea implantado no cen por cen das rutas, o investimento da Xunta ascenderá a 15.000.000 euros cada ano.

O presidente da Xunta cualificou o acordo presentado hoxe como “un dos máis demandados polas nais e polos pais dos nosos fillos e das nosas fillas no ámbito educativo”, que se sitúa, segundo sinalou, “en coherencia co compromiso social deste novo Goberno galego, no eixe fundamental da promoción dunha educación de calidade”. “A medida –engadiu Touriño- incide nas condicións de seguridade no transporte escolar e sen dúbida, dá resposta ás inquedanzas mostradas pola comunidade educativa e moi especialmente polas APA”.

Implantación do servizo

A implantación do servizo de acompañante lévase a cabo naquelas rutas de transporte escolar na que, polo menos, o 50 por cento do alumnado transportado sexa menor de 12 anos, polo tanto, en educación infantil e primaria. En Galicia existen un total de 2.252 rutas de transporte escolar que reúnen estas características. A Xunta de Galicia comezou a implantación da figura do acompañante en todos aqueles vehículos que fan máis dun servizo de primaria. Posteriormente, a Xunta tivo en consideración todos os vehículos que só fan un servizo de primaria e, dentro destes, tivo en conta os criterios de maior ocupación do vehículo e maior número de alumnado de educación infantil.

Grazas a un convenio que vén de asinar a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria cos empresarios do sector relativo á figura do acompañante no transporte escolar público de Galicia, empréndese unha nova etapa na seguridade e calidade do servizo de transporte dos escolares.

Un acordo que, segundo lembrou o máximo mandatario autonómico, “xa conta coa especificación detallada das funcións do acompañante, así como os compromisos das empresas, vinculando a vixencia do acordo ao período de vixencia dos propios contratos do transporte”.

Así mesmo, o presidente da Xunta sinalou que xa se están a estudar novas rutas nas que se implantará esta figura do acompañante de cara ao vindeiro curso 2006-2007, de xeito tal, sinalou, “que teñamos implantada a figura do acompañante na totalidade das rutas unha vez rematado o curso 2007-2008”.

“Temos a plena confianza –engadiu Pérez Touriño- que [este acordo] reverterá na seguridade dos nosos nenos e nenas e na tranquilidade da comunidade educativa, favorecendo a necesaria conciliación familiar e laboral”.

Aposta pola educación

“Como vostedes saben, a aposta pola Educación é, e seguirá sendo –sinalou o presidente da Xunta-, unha bandeira do noso Goberno, tal e como se pode constatar de xeito expreso nas nosas actuacións e nos orzamentos que xestiona a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria”.

Neste sentido, lembrou que os orzamentos en materia educativa deste exercicio recollen un incremento do 9,20% respecto ao ano anterior, que se traduce “en medidas claras e precisas”. Así, Emilio Pérez Touriño referiuse a que a Xunta vai destinar un total de 3 millóns de euros no presente curso para que as familias con rendas máis baixas poidan adquirir un ordenador, unhas axudas de un máximo de 300 euros por familia, que poderán solicitar as familias que teñan fillos matriculados en 5º e 6º de primaria ou en 1º e 2º da ESO.

Así mesmo, Pérez Touriño anunciou que a Xunta pretende facer un traballo de “revisión e modificación da normativa vixente relativa aos comedores escolares”, co obxectivo de adaptalos “ás necesidades sociais” e facilitar a conciliación da vida laboral e familiar. Neste sentido, sinalou que un investimento de 13 millóns de euros “garantirá a dotación de comedores alí onde sexa necesario”.

“Son consciente de que temos unha rede de centros que requiren de melloras e ampliacións”, engadiu Pérez Touriño, sinalando que, neste apartado, o compromiso “é claro”: un investimento de 58 millóns de euros en melloras, ampliación e construción de novos centros, incluídos tamén os de ensinanzas especiais.

Apertura de centros fóra do horario lectivo

De igual xeito, o máximo mandatario autonómico aludiu a “unha demanda histórica: a apertura dos centros fóra do horario lectivo”. Por iso anunciou que se vai iniciar “xa” un Plan experimental, cunha achega de 500.000 euros, de apertura de centros escolares en colaboración cos concellos e as APA para o desenvolvemento de actividades fóra da xornada lectiva. “Adiantámonos, con esta medida –indicou Touriño-, á LOE, impulsando unha relación de colaboración dos centros educativos coa comunidade”.

Todas estas medidas que está a poñer en marcha a Xunta, segundo indicou o presidente, “queren traducir o sentimento e o desexo do Goberno galego coa igualdade, a equidade e a cohesión social”.

O xefe do Executivo autonómico non quixo rematar a súa intervención sen animar a todos os actores implicados a participar “activamente” na vida dos centros escolares, para que “entre todas e todos, poidamos seguir propoñendo fórmulas que melloren o funcionamento cotiá dos nosos centros”, concluíu.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-03-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (terceira-idade.jpg) Galicia vén de acadar os 43.000 beneficiarios do Bono Coidado no Fogar e consolídase como referente na atención á dependencia en España. Esta medida pioneira, posta en marcha pola Xunta hai dous anos e única no conxunto do país, permite que as persoas dependentes poidan recibir coidados no seu fogar e forma parte do compromiso da Xunta coa atención á dependencia. Neste sentido, o Executivo autonómico destinou este ano 179 millóns de euros para esta prestación. O Bono Coidado no Fogar consiste nunha axuda de 5.000 euros ao ano para os dependentes que son coidados nos seus domicilios por un familiar ou calquera outra persoa da súa contorna.
Foto de la tercera plana (nenos-clase-estudo.jpg) O sistema educativo galego contará con 536 centros plurilingües o próximo curso 2026/27 nas etapas de Infantil, Primaria, ESO ou Bacharelato e FP. Seis centros decidiron incorporarse a esta iniciativa e outros dous ampliar a súa participación na mesma a outras etapas, o que confirma o incremento progresivo deste modelo, voluntario para os centros, desde a súa posta en marcha. Do total dos centros con modelo plurilingüe, 445 serano en Primaria e 93 en ESO, 259 en Infantil, 16 centros en Bacharelato e 40 en FP. Ademais dos centros plurilingües, a Consellería oferta diversas modalidades.

Notas

No marco do convenio asinado pola USC e a Deputación da Coruña, o grupo de investigación Histagra da USC, tamén pertencente ao Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), está a coordinar o estudo histórico e arqueolóxico das fosas localizadas no cemiterio de Serantes (Ferrol). A primeira cata arqueolóxica neste espazo desenvolverase entre o luns 31 de agosto e o venres 11 de setembro.
Pódese prever como se comportará a rótula despois dunha operación de prótese de xeonllo? Unha investigación desenvolvida no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña permite simular o movemento desta articulación tras a intervención e estudar como as características de cada paciente poden influír na elección do tratamento.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES