
As obras do pavillón polideportivo de Pontepedriña iniciaranse en menos de dous meses, tal e como anunciou o director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez OIveira.
Esta instalación é unha vella reclamación do Concello de Santiago e do IES Pontepedriña. Ademais estableceuse unha xestión compartida entre o centro de ensino e o Concello, de forma que pola mañá será utilizado polos alumnos do IES, mentres que pola tarde o Concello será o responsábel de xestionar a súa utilización para outro tipo de actividades deportivas, cumprindo así unha das liñas xerais de actuación da Dirección Xeral para o Deporte que quere conseguir sacar o máximo partido das instalacións deportivas existentes.
O pavillón, cuxo proxecto foi realizado polos arquitectos Javier Franco e Vicente Pintos, contará cunha pista polideportiva cuberta, bancada, aseos públicos e vestiarios para monitores, árbitros e grupos (4). O custe da obra é de 928.317,97 euros, dos que a Dirección Xeral para o Deporte paga 657.862,53 euros, mentres que a Consellería de Educación sufraga 270.455,44 e o Concello aportou os terreos. Este pavillón inclúese no marco dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura e Deporte, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Concello de Santiago.
O director xeral para o Deporte explicou que o inicio das obras se retrasou uns meses por culpa duns problemas burocráticos pero despois de case catro anos de espera, por fin vai ser unha realidade. O prazo de execución das obras é de 15 meses.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes do Concello de Santiago, Manuel Portas, destacou que este pavillón tivo múltiples dificultades, algunhas de carácter técnico e outras por ruído político. Pero o verdadeiramente importante é que o diálogo fluído coa Dirección Xeral para o Deporte permitiu que se acelerase a obra e se superasen os escollos que había no camiño.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.