
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero, presentou na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela o seu segundo poemario Recendos de luz e de sombra -seis ducias de poemas (máis un). Un libro editado pola Fundación Manuel María da Terra Chá e prologado por Xosé Neira Vilas, que recolle unha escolma de poemas escritos ó longo dos últimos anos.
No acto de presentación interviron, entre outros, Xosé Luis Rivas Cruz Mini, compañeiro do autor no grupo A Quenlla que fixo unha semblanza do Mero poeta e amigo; o escritor e poeta David Otero, e Alfonso Blanco Torrado, da Fundación Manuel María, impulsora desta iniciativa literaria. Introducido polo xornalista Xulio Xiz, no acto deuse lectura a unha serie de poemas como "Mai" ou "Patria", que foron aplaudidos polo público asistente entre o que se atopaba o escritor Antón Vilar Ponte.
Recendos de luz e de sombra -seis ducias de poemas (máis un), con fotografías de Carlos Rodríguez Arias, estrutura a compilación de poemas en torno a cinco grandes bloques iniciados polas composicións "Eu", "Nós", "Sentimento, razón da miña vida", "Terra" e "Patria" condensan e dan sentido público ao propio, o seu, a orixe e "a casa que nunca tivemos".
Con estas palabras resume Neira Vilas a creatividade literaria do autor: "Mero é tamén poeta. Ou diría mellor que é poeta antes que ningunha outra cousa, ou que hai poesía en todo o que fai. Vive como poeta, como postulaba Unamuno. Ademais das letras de moitas cancións, incluídas nos discos dos grupos Fuxan os Ventos e A Quenlla, ten poemas dispersos en revistas, poemas de circunstancias, e é autor doutro excelente libro de versos Na lonxitude do tempo".
Sentimentos do autor cara os seus amigos -algúns deles do mundo das letras como Fiz Vergara Vilariño, Manuel María...-, a súa familia -en especial ás lembranzas á nai-, a Terra chá e Galicia impregnan os poemas de Mero que xa ten recoñecido o seu bo facer literario a través de diversos galardóns recibidos.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.