
O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, afirmou que o Goberno galego estima que nos anos 2006 e mesmo 2007 Galicia experimentará un crecemento económico dun 3,6%. Pérez Touriño fixo estas declaracións no transcurso dunha conferencia ante medio centenar de persoas, entre as que figuraban uns 30 empresarios galegos, 15 galegos afincados na Arxentina e representantes de centros galegos neste país latinoamericano.
Este acto correspondeu á terceira xornada do presidente en Buenos Aires, que unha vez máis tivo un marcado compoñente económico. O recinto feiral La Rural foi de novo o escenario para este encontro, no que o presidente galego expuxo a súa visión optimista da evolución económica de Galicia, sobre todo á vista dos últimos datos do paro e das cotizacións á Seguridade Social.
Galicia, ao seu ver, coñeceu un proceso de crecemento e fortaleza como rexión e como comunidade, destacou. Recoñeceu que é certo que temos problemas que obrigan ao Goberno que presido a reorientar a política económica, dado que os últimos datos de crecemento revelan un diferencial de 6 puntos na taxa de crecemento respecto á comunidade española que máis progresou. Tamén manifestou a súa preocupación polas taxas de precariedade laboral que sofren os colectivos máis débiles, as mulleres e os mozos.
Todos estes motivos fan que o Goberno galego se estea a plantexar un novo impulso, co obxectivo de conseguir un ritmo rápido e intenso, ao tempo que sostible e estable, e garantir a calidade e a eficacia dos servizos públicos. Neste sentido, Pérez Touriño afirmou que o impulso da economía pivota sobre a necesidade de incrementar a productividade.
Para conseguir este obxectivo, o presidente galego fixo fincapé en que é preciso adoptar políticas de innovación; investir en capital humano; impulsar a iniciativa privada e a cooperar con esta, crear unha base de cultura autenticamente emprendedora e, por último, incidir na política de mellora de infraestruturas, transportes e comunicacións.
Touriño destacou que a posta en marcha de todas estas medidas está necesariamente ligada á necesidade de estar ao día no campo das novas tecnoloxías, así como da colaboración entre as empresas e a universidade.
Por último, o presidente da Xunta agradeceu a asistencia dos empresarios congregados no recinto de La Rural e reiterou a súa intención de estreitar lazos no futuro sobre bases concretas, coa intención de avanzar xuntos por un escenario mellor de crecemento, solidariedade e xustiza para os nosos cidadáns.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.