Notas de prensa

O escritor Ernesto Sábato arroupa a homenaxe aos exiliados galegos organizada pola Xunta na Arxentina. O presidente da Xunta afirma que o Centro Galego de Bos Aires resume de xeito exemplar a historia da emigración galega

* Emilio Pérez Touriño visitou as novas instalacións do hospital do centro galego da Arxentina. * O emblemático Café Tortoni de Bos Aires acolleu unha homenaxe aos intelectuais galegos exiliados presidida por Emilio Pérez Touriño. * Ernesto Sábato impregnou dunha intensa emoción a homenaxe, durante a que foi presentado o libro sobre Lorenzo Varela ‘A voz desterrada’, de Fernando Salgado.

O veterano escritor arxentino Ernesto Sábato foi o indiscutible protagonista do acto de homenaxe aos exiliados galegos organizado pola Xunta de Galicia no marco da viaxe do presidente galego á Arxentina e Uruguai. O coñecido Café Tortoni de Bos Aires foi o escenario elixido para este evento, que contou tamén coa participación do membro da Real Academia Galega Xosé Luís Axeitos, o secretario xeral de Comunicación da Xunta de Galicia, Fernando Salgado, e do propio presidente galego, Emilio Pérez Touriño.

A planta baixa do Café Tortoni recuperou a atmosfera de tantos encontros da intelectualidade galega e Arxentina que o fixeron famoso. Ernesto Sábato amosou o seu sincero interese por participar neste acto, no que foi presentado o libro de Fernando Salgado A voz desterrada, sobre a vida e a obra de Lorenzo Varela. O mesmo Fernando Salgado desvelou, na súa intervención, o porqué da desinteresada presenza do autor arxentino no evento: Sábato e Varela mantiveran unha estreita amizade durante o exilio do escritor de Monterroso na Arxentina e, de feito, é moita a correspondencia entre ambos conservada.

Así pois, a repleta sala de actos culturais do Café Tortoni agardou expectante a intervención do escritor arxentino, quen aproveitou a ocasión para “expresar ao pobo galego o afecto e a admiración máis profunda”. O veterano escritor recordou as imaxes que garda no seu maxín de “inmigrantes galegos admirados, sufridos e ledos que enriqueceron o país co seu traballo”.

Sábato lembrou as súas visitas á Coruña, Betanzos, A Toxa e “á incrible Santiago de Compostela, unha das cidades máis fermosas do mundo”. Explicou que precisamente na capital galega dera hai anos unha conferencia de homenaxe á emigración galega, “centos de miles de homes e de mulleres que creron que valía a pena dar o mellor de si en terras lonxanas daquela fermosa Galicia, da que marcharan para non volver”. “Por iso é importante coincidir hoxe na presentación do libro de Fernando Salgado, A voz desterrada, sobre o exilio que tan tráxica e profundamente marcou a vida de tantos galegos”, opinou.

NotaO auditorio do Café Tortoni escoitou en impresionante silencio a intervención de Sábato, quen finalizou explicando a alusión ao exilio que el atopa sempre nos versos de Rosalía de Castro. “Versos que lin tanto”, recordou, antes de recitar coa súa fráxil voz, para a emoción de moitos dos presentes: “Adios ríos, adios fontes, adios regatos pequenos...”

Como é lóxico, a intervención de Ernesto Sábato foi o momento culminante da presentación do libro de Fernando Salgado, quen recoñeceu estar vivindo unha realidade que superaba un dos seus maiores soños, facer unha homenaxe ao exilio galego no Café Tortoni. “Esta homenaxe chega arroupada por unha das glorias da humanidade”, dixo, “por se fora pouco, tamén arroupado polo presidente da Xunta de Galicia”, engadiu.

Pola súa banda, Emilio Pérez Touriño fixo unha breve semblanza da traxectoria vital de Lorenzo Varela, coma un dos representantes da intelectualidade galega que fixo do exilio o escenario de creación da súa obra. O presidente galego destacou tamén o labor de mutua colaboración cultural entre os exiliados galegos e a intelectualidade arxentina no que cualificou coma “unha homenaxe sinxela pero emocionada”. Por último, destacou que “Arxentina e Galicia se funden nunha aperta de profunda gratitude”.

Visita do presidente da Xunta de Galicia ó Centro Galego de Bos Aires: resumo exemplar da historia da emigración galega

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, afirmou que o Centro Galego de Bos Aires “resume de xeito exemplar” a historia da emigración galega. O mandatario autonómico fixo esta valoración no transcurso da súa visita ao emblemático centro, ao que acudiu acompañado pola conselleira de Sanidade, María José Rubio.

O presidente da Xunta tiña especial interese en incluír na axenda da súa primeira visita oficial á Arxentina un percorrido polo Centro Galego de Bos Aires, que acaba de renovar as súas instalacións na terceira e cuarta planta. Así pois, Emilio Pérez Touriño puido comprobar os resultados das obras na planta de Maternidade e Neonatalidade, e, posteriormente, na de Pediatría. Trátase dunha mellora que permitirá que o total de camas habilitadas para internamento pase das 179 que había anteriormente a un total de 304.

Na súa intervención, Pérez Touriño quixo, en primeiro lugar, felicitar ao Centro Galego de Bos Aires pola súa extensa traxectoria, que en 2007 o converterá en centenario. Púxoo como exemplo da historia da emigración galega pola súa posta en valor da “colaboración, cooperación e unión” que fixo posible que “entre todos” se erguese a “bandeira da solidariedade”.

Ao seu xuízo, este centro galego é un exemplo “dunha emigración que significa ser capaces de avanzar e de aprender”, que constitúe unha mostra “de cultura e de solidariedade, de avance no sistema de benestar”. “Galicia séntese en permanente debedora da súa achega”, destacou.

Asemade, o presidente autonómico indicou que a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Emigración e a Consellería de Sanidade, traballará “arreo”, con vontade de diálogo e de cooperación, para que o Centro Galego de Bos Aires e o seu hospital sigan “co fermoso traballo de manter viva a dignidade dunha comunidade”.

Por último, Pérez Touriño plasmou no libro de ouro do Centro Galego de Bos Aires o seu convencemento de que esta institución “seguirá a ser unha embaixada de Galicia, da mellor Galicia”.

à súa chegada, o máximo mandatario autonómico foi recibido polo presidente do Centro Galego de Bos Aires, Rogelio Ucha Alonso, quen lle amosou as instalacións, acompañado pola xunta directiva da institución. Na súa intervención de benvida, Ucha agradeceu especialmente ao presidente galego a súa presenza no centro por ter cumprido a súa palabra de facer a súa primeira viaxe institucional ao estranxeiro á Arxentina.

Gabinete de Comunicacion da Xunta de Galicia, 2006-03-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (terceira-idade.jpg) Galicia vén de acadar os 43.000 beneficiarios do Bono Coidado no Fogar e consolídase como referente na atención á dependencia en España. Esta medida pioneira, posta en marcha pola Xunta hai dous anos e única no conxunto do país, permite que as persoas dependentes poidan recibir coidados no seu fogar e forma parte do compromiso da Xunta coa atención á dependencia. Neste sentido, o Executivo autonómico destinou este ano 179 millóns de euros para esta prestación. O Bono Coidado no Fogar consiste nunha axuda de 5.000 euros ao ano para os dependentes que son coidados nos seus domicilios por un familiar ou calquera outra persoa da súa contorna.
Foto de la tercera plana (nenos-clase-estudo.jpg) O sistema educativo galego contará con 536 centros plurilingües o próximo curso 2026/27 nas etapas de Infantil, Primaria, ESO ou Bacharelato e FP. Seis centros decidiron incorporarse a esta iniciativa e outros dous ampliar a súa participación na mesma a outras etapas, o que confirma o incremento progresivo deste modelo, voluntario para os centros, desde a súa posta en marcha. Do total dos centros con modelo plurilingüe, 445 serano en Primaria e 93 en ESO, 259 en Infantil, 16 centros en Bacharelato e 40 en FP. Ademais dos centros plurilingües, a Consellería oferta diversas modalidades.

Notas

No marco do convenio asinado pola USC e a Deputación da Coruña, o grupo de investigación Histagra da USC, tamén pertencente ao Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), está a coordinar o estudo histórico e arqueolóxico das fosas localizadas no cemiterio de Serantes (Ferrol). A primeira cata arqueolóxica neste espazo desenvolverase entre o luns 31 de agosto e o venres 11 de setembro.
Pódese prever como se comportará a rótula despois dunha operación de prótese de xeonllo? Unha investigación desenvolvida no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña permite simular o movemento desta articulación tras a intervención e estudar como as características de cada paciente poden influír na elección do tratamento.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES