A Cámara Municipal de Gaia acollerá a entrega de premios e a exposición inaugural da VII Bienal de Pintura do Eixo Atlántico, segundo a proposta unanimemente aceptada pola Comisión Delegada de Cultura do Eixo Atlántico, que se celebrou en Monforte. A proposta terá que recibir a confirmación oficial da Comisión Executiva que está prevista para finais de marzo.
A Bienal de Pintura, foi convocada o pasado 15 de febreiro e os artistas galegos e portugueses teñen ata o día 15 de marzo para remitir as súas obras. O sábado, 18, o xurado procederá á selección das obras que formarán parte da exposición itinerante da bienal asi como dos gañadores dos premios nas súas diferentes modalidades. A Cámara Municipal de Vilanova de Gaia será, nesta VII edición, o municipio anfitrión da exposición inaugural e da entrega dos premios, nun acto que se desenvolverá, entre os últimos días do mes de abril e os primeiros de maio de 2006, nunha data que está aínda por precisar.
A Comisión Delegada de Cultura celebrouse na sede de Expo-Llemos, o centro comarcal da Terra de Lemos, e contou coa presencia do alcalde de Monforte, Severino Rodríguez e a concelleira de Cultura da cidade anfitriona, Alicia Cadarso, así como cunha nutrida representación de concelleiros, vereadores e técnicos de cultura das cidades do Eixo Atlántico, ademais do alcalde de Vila Real, Presidente da Comisión Delegada de Cultura, Manuel do Nascimento Martíns, e o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao.
Axenda Cultural
A Comisión deu luz verde á edición dunha Axenda Cultural do Eixo Atlántico, publicación que terá por obxecto publicitar en toda a Eurorrexión os acontecementos culturais máis relevantes das 18 cidades, de xeito que sirvan de elementos de atracción turística. A axenda está encardinada na liña establecida polo propio Eixo Atlántico para acadar a máxima difusión daqueles elementos que potencien o turismo cultural de calidade, ó mesmo tempo que facilitar recursos que animen ós cidadáns da eurorrexión a facer turismo interior, a partires da oferta cultural de máis alto nivel que se desenvolve nas cidades. O precedente foi a publicación adicada á potenciación do patrimonio cultural arquitectónico e artístico, que cunha tirada de 150.000 exemplares acadara unha gran acollida e difusión.
Nun ambiente distendido, os membros da comisión foron concretando todos e cada ún dos puntos da orde do día, de xeito que foron aprobados por unanimidade e fixaron para unha futura xuntanza, no vindeiro mes de maio, o seguemento do grado de cumprimento dos acordos tomados. Ó mesmo tempo, a presencia de concelleiros e vereadores de cidades galegas e portuguesas serviu para o establecemento de acordos bilaterais de apoio a iniciativas culturais dunhas cidades a outras, concretándose especialmente en ámbitos como o dos festivais de cine e de jazz, e artellando camiños de colaboración de xeito que exposicións e outras actividades culturais producidas por cidades do Eixo poidan ser aproveitadas en posteriores itinerancias por as outras cidades se o demandan.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.