O compromiso anunciado polo actual presidente do goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, cando afirmou é unha obriga de servizo público manter unha estructura territorial que dea resposta ás necesidades informativas nacionais, autonómicas e locais quedará nun grave incumprimento se a actual dirección de RTVE e da SEPI levan adiante a proposta de centralizar as emisións en Madrid. Isto significaría a desaparación das desconexións de TVE en Galicia e por tanto a supresión dos programas e informativos que se veñen realizando diariamente na cadea pública estatal en Galicia. Para RNE significaría prácticamente a desaparición das emisoras provinciais deixando unha única emisora en Galicia con funcións de simple delegación.
Estas previsións significarían na práctica o desmantelamento en Galicia dos medios de comunicación públicos de titularidade estatal e a perda do 60% dos postos de traballo dos profesionais empregados nos mesmos. O CPXG entende que é unha obriga constitucional imposta a tódolos gobernos de España a promoción e difusión da pluralidade política, lingüística e cultural das nacionalidades e comunidades autónomas que conforman o estado das autonomías. Esta obriga adquire un especial significado naquelas nacionalidades con lingua propia como é o caso de Galicia.
O CPXG agarda que o presidente do goberno manteña os compromisos anunciados públicamente e non se deixe someter a outros intereses que tratan de converter os medios de comunicación públicos en medios irrelevantes social e políticamente. Se finalmente non cumpre ese compromiso o CPXG considera imprescindible que desde as institucións do goberno de Galicia se adopten as medidas precisas e se impulse a posta en marcha da segunda canle da TVG para evitar que a función de servizo público que deben cumprir os medios de comunicación de titularidade pública non se vexa mermada para os cidadáns galegos.
O CPXG reitera unha vez máis a súa defensa dus medios de comunicación públicos verdadeiramente democráticos como garantes da satisfación do dereito constitucional que temos todos os cidadáns a recibir información veraz, plural e contrastada. Ós medios públicos democráticos debémoslles esixir que poñan a información ó servizo dos cidadáns por enriba de calquer outro interese e que difundan o pluralismo e os valores democráticos da crítica e a razón.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.