Notas de prensa

Pérez Touriño asegura que o Goberno da Xunta fomentará unha cooperación de segunda xeración entre Galicia e o Norte de Portugal

* Trátase de implicar aos axentes económicos, sociais e culturais, a universidades e empresas no fortalecemento da Eurorrexión * Cree que para lograr este obxectivo é fundamental crear unha rede de infraestruturas competitiva, na que a conexión ferroviaria entre Vigo e Porto é prioritario * Propón a creación dun secretariado permanente que impulse a programación, a planificación e o seguimento dos proxectos da Eurorrexión

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, avogou por “propiciar un salto cualitativo” e avanzar nunha “cooperación de segunda xeración” entre Galicia e o Norte de Portugal, desenvolvendo unha auténtica “cultura de comunidade”. Trátase, segundo salientou en resposta a unha pregunta parlamentaria, de traballar xuntos “cunha verdadeira conxunción de obxectivos e de medios para acadalos”, implicando, non só ás institucións e administracións de ambos os territorios, senón tamén a todos os axentes económicos, sociais e culturais, ás empresas e universidades, e en definitiva, a toda a sociedade civil da Eurorrexión.

Neste sentido, o titular do Goberno galego propuxo a creación dun “secretariado permanente” co fin de impulsar a programación, a planificación e o seguimento dos proxectos que se leven a cabo entre Galicia e o Norte de Portugal.

Na súa intervención, Emilio Pérez Touriño tamén comprometeu que o Goberno que preside porá todos os medios, de xeito firme e decidido, para conseguir dar un impulso definitivo e fortalecer a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. “Este Goberno asumirá, por enriba de todo, o desafío de fortalecer a Eurorrexión, de consolidar, ampliar e darlle un novo horizonte”, subliñou.

Conexión ferroviaria Vigo-Porto

Para conseguir esta meta, o presidente da Xunta considerou fundamental traballar sobre catro eixes de actuación. Un deles, a xeración dunha rede de infraestruturas competitiva entre os dous territorios, onde a conexión ferroviaria entre Vigo e Porto é prioritaria e fundamental.

A este respecto, Pérez Touriño subliñou que xa se ten constituído o Grupo de Traballo hispano-portugués, acordado no Cumio de Évora e especificamente dedicado a esta conexión ferroviaria, ao cal xa se incorporaron dous representantes da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal (o Goberno da Xunta estará representado polo director xeral de Transportes).

Así mesmo, o pasado 24 de febreiro, a Xunta e a Comisión de Coordinación de Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal asinaron un protocolo de colaboración para a elaboración dun estudo sobre o enlace ferroviario de altas prestacións entre Vigo-Porto. “O obxecto de estudo é –segundo sinalou o máximo mandatario galego- asumir o liderazgo desde a Eurorrexión, desde a Presidencia da Comunidade de Traballo, para converterse en motores e garantes do seu cumprimento, de que esta infraestrutura vital e decisiva para Galicia e o Norte de Portugal sexa realidade”. De igual xeito, o estudo pretende analizar cales serían os custes da non execución desta liña no horizonte de finalización do resto da rede de alta velocidade portuguesa e española.

Cinco eixes fundamentais de actuación

Outro dos eixes de actuación fundamentais para o potenciamento da Eurorrexión é, segundo Touriño, a creación dun espazo económico definido pola innovación e o desenvolvemento tecnolóxico. “A nova sociedade do coñecemento na cal ten que estar Galicia e o Norte de Portugal ten dous piares esenciais: a innovación tecnolóxica e o capital humano”, asegurou o presidente da Xunta, lembrando que xa no pasado Cumio de Évora se decidiu crear o centro internacional de excelencia en materia de investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Braga, que dará os seus primeiros pasos en dous anos e que estará dirixido por un experto catedrático da Universidade de Santiago de Compostela.

Pérez Touriño tamén considerou prioritario impulsar unha máis estreita colaboración entre as universidades e as empresas, aproveitando o marco que brinda o espazo europeo de educación superior, para favorecer as prácticas e o intercambio de estudantes entre as universidades galegas e do Norte de Portugal. Nesta liña, propuxo a celebración, no mes de xuño, do primeiro encontro científico-tecnolóxico Galicia-Norte de Portugal, “como un instrumento de impulso da cooperación neste ámbito”.

O fortalecemento da vocación marítima atlántica da Eurorrexión, impulsando o proxecto da Plataforma Tecnolóxica do Mar, e a consolidación do Sistema Urbano de ambos os dous territorios, son outros dous eixes prioritarios nos que basear o impulso á Eurorrexión.

Por último, o máximo mandatario galego referiuse á necesidade de reforzar a imaxe e a proxección exterior da Eurorrexión. “As oportunidades neste eido son múltiples e variadas, sustentadas polos estreitos vínculos que existen entre Galicia e o Norte de Portugal”, sinalou, engadindo que, polo tanto, é preciso elaborar estratexias que reforcen o campo turístico, audiovisual e cultural, impulsando de novo a candidatura galaico-portuguesa á declaración pola Unesco como obra mestra da Humanidade.

Unha grande oportunidade

“Estamos diante dunha oportunidade que estou seguro de que imos aproveitar”, sinalou Emilio Pérez Touriño, lembrando que existen circunstancias favorables: desde o contexto da Unión Europea ata a sintonía política existente na actualidade entre os gobernos de España, Galicia e Portugal.

“Sabemos ben das dificultades que pode atravesar, nun momento determinado, o país veciño, pero iso non debe impedir que traballemos con vocación de futuro, e que a Eurorrexión non sexa o motor e a garantía do impulso, dos proxectos estratéxicos pendentes”, concluíu Touriño, salientando que o Ave Vigo-Porto é unha infraestrutura imprescindible para Galicia e para Portugal.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-03-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (terceira-idade.jpg) Galicia vén de acadar os 43.000 beneficiarios do Bono Coidado no Fogar e consolídase como referente na atención á dependencia en España. Esta medida pioneira, posta en marcha pola Xunta hai dous anos e única no conxunto do país, permite que as persoas dependentes poidan recibir coidados no seu fogar e forma parte do compromiso da Xunta coa atención á dependencia. Neste sentido, o Executivo autonómico destinou este ano 179 millóns de euros para esta prestación. O Bono Coidado no Fogar consiste nunha axuda de 5.000 euros ao ano para os dependentes que son coidados nos seus domicilios por un familiar ou calquera outra persoa da súa contorna.
Foto de la tercera plana (nenos-clase-estudo.jpg) O sistema educativo galego contará con 536 centros plurilingües o próximo curso 2026/27 nas etapas de Infantil, Primaria, ESO ou Bacharelato e FP. Seis centros decidiron incorporarse a esta iniciativa e outros dous ampliar a súa participación na mesma a outras etapas, o que confirma o incremento progresivo deste modelo, voluntario para os centros, desde a súa posta en marcha. Do total dos centros con modelo plurilingüe, 445 serano en Primaria e 93 en ESO, 259 en Infantil, 16 centros en Bacharelato e 40 en FP. Ademais dos centros plurilingües, a Consellería oferta diversas modalidades.

Notas

No marco do convenio asinado pola USC e a Deputación da Coruña, o grupo de investigación Histagra da USC, tamén pertencente ao Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), está a coordinar o estudo histórico e arqueolóxico das fosas localizadas no cemiterio de Serantes (Ferrol). A primeira cata arqueolóxica neste espazo desenvolverase entre o luns 31 de agosto e o venres 11 de setembro.
Pódese prever como se comportará a rótula despois dunha operación de prótese de xeonllo? Unha investigación desenvolvida no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña permite simular o movemento desta articulación tras a intervención e estudar como as características de cada paciente poden influír na elección do tratamento.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES