
No Museo do Castro de Viladonga (Castro de Rei-Lugo) desenvolveuse, o pasado sábado 4 de marzo, unha xornada do Máster en Técnicas de Xestión Integral do Patrimonio Cultural, da Universidade de Santiago de Compostela e o Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento (CSIC - Xunta de Galicia), correspondente ó módulo de Museografia e Museoloxía coordinado polas profesoras Fátima Díez Platas e Mar Bóveda.
O Director Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Deporte, Felipe Arias Vilas, impartiu, ó longo do día, unha lección sobre o Museo de sitio de Viladonga, complementada coa visita ó Castro e ás instalacións do Museo, tanto os servizos internos (laboratorio de conservación onde contaron coa colaboración da restauradora Carolina Pérez-, biblioteca, salas de traballo e de reserva, etc), como as salas de exposición permanente e temporal. Os participantes neste Máster da Universidade compostelá desprazáronse desde Santiago e aproveitaron o día para visitar outros enclaves patrimoniais cercanos, como o Mosteiro de Meira.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.