Notas de prensa

O presidente da Xunta e o Fiscal Xeral do Estado asinan un convenio co fin de fomentar o uso do galego na Administración de Xustiza

* Segundo Pérez Touriño, o convenio contribuirá a que os cidadáns teñan a posibilidade efectiva de exercer os seus dereitos lingüísticos * Encamiñarase a estimular aos funcionarios xudiciais no uso do galego a través de cursos, publicacións ou campañas de sensibilización * Asegurou que o compromiso na defensa e promoción da lingua e cultura galegas é un dos eixes que configuran a acción do Goberno galego * O fiscal xeral do Estado salienta a importancia deste convenio que fomentará unha maior aproximación do cidadán as administracións de Xustiza

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, o fiscal xeral do Estado, Cándido Conde-Pumpido Tourón, asinaron un convenio marco de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Fiscalía Xeral do Estado sobre actuacións de normalización lingüística na Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que pretende garantir a capacitación lingüística das persoas que traballan na administración de Xustiza.

O máximo mandatario galego explicou que o convenio vai significar “un importante paso adiante para que a lingua galega vaia acadando un estatuto normalizado nas actuacións da Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e para que os cidadáns teñan a posibilidade efectiva de exercer os seus dereitos lingüísticos”. “O convenio que hoxe asinamos supón un importante avance no que atinxe á normalización do galego nun ámbito no que os cambios foron máis ben escasos, ou máis escasos que noutras áreas da vida pública”, indicou Pérez Touriño.

As medidas que recolle o convenio, encamiñadas a estimular aos funcionarios xudiciais no uso do galego pasan, segundo relatou Pérez Touriño, pola organización de cursos, a elaboración de publicacións, a realización de campañas de sensibilización ou a implantación de medidas de formación profesional vinculadas ao uso do idioma galego.

Para levar a cabo a implantación destas medidas o presidente da Xunta explicou que se vai fornecer aos funcionarios xudiciais das ferramentas necesarias, tecnolóxicas e humanas, para que o incremento do uso do galego na Fiscalía poida levarse a cabo “dunha maneira digna, respectuosa da linguaxe e da técnica xurídica tanto como da propia lingua galega”.

A Xunta de Galicia asume o compromiso de prestarlles asesoramento técnico e terminolóxico aos fiscais e funcionarios das Fiscalías implicados no proceso normalizador; proporcionará tradutores para os equipos informáticos das oficinas, así como aquelas aplicacións ou programas que poidan contribuír a un mellor desenvolvemento do proceso normalizador; coordinará, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, os traballos de fixación do estándar lingüístico para usos xudiciais; e facilitaralles aos traballadores da Fiscalía en Galicia os medios e a formación para a capacitación lingüística no uso xurídico do galego.

Segundo indicou o máximo mandatario autonómico, a través da sinatura do convenio dáse conta da necesidade e conveniencia da cooperación entre os poderes públicos para a defensa dunha lingua que é “unha auténtica marca de identidade, merecedora desa especial protección, dese especial respecto que a propia constitución Española consagra en relación coa nosa lingua”. “O compromiso na defensa e promoción da lingua e a cultura galegas é un dos eixes que configuran a acción do Goberno que me honro en presidir”, asegurou.

Na súa intervención, Emilio Pérez Touriño agradeceulle ao Fiscal Xeral do Estado, Cándido Conde-Pumpido, o seu compromiso coas políticas de normalización que leva adiante o Goberno da Xunta de Galicia. O presidente da Xunta agradeceu tamén a colaboración de institucións como a Fiscalía Xeral do Estado e a Fiscalía Superior de Xustiza de Galicia.

“É un día importante para Galicia, para a normalización e impulso da súa lingua, para a acción da Fiscalía e tamén, para o desenvolvemento da España plural, da España da Constitución e da España das autonomías”, concluíu o titular do Goberno galego.

Pola súa banda, o fiscal xeral do Estado, Cándido Conde-Pumpido, sinalou que normalizar o uso do galego na Xustiza ou en calquera servizo público non supón, ao seu entender “nin máis nin menos que perseguir o obxectivo que a propia palabra indica: traer a normalidade da casa e da rúa aos ámbitos oficiais onde, por forzada excepción durante anos non rexeu”. “Creo firmemente –engadiu- que as institucións se lexitiman cando son útiles, e só son útiles cando os cidadáns as senten próximas. A posibilidade de entenderse na propia lingua cos servidores públicos é un paso definitivo nesa aproximación, e máis aínda no caso dos galegos e galegas para quen a histórica proxección universal do seu destino acentúa especialmente o aprecio e o disfrute do propio”.

No acto deste mediodía tamén participaron entre outros, o conselleiro da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, o fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Carlos Varela García, e a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López.

Convenio marco de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Fiscalía Xeral do Estado sobre actuacións de normalización lingüística na Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

O convenio asinado establece as condicións polas que se rexerá a colaboración institucional entre a Xunta e a Fiscalía Xeral do Estado para potenciar e promover o uso da lingua galega no ámbito de actuación da Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Compromisos

Segundo o acordo, a Fiscalía, como compromiso das obrigas derivadas da Lei de normalización lingüística e do Plan xeral de normalización da lingua galega, comprométese a organizar cursos de linguaxe xurídica galega para o cadro de persoal da Fiscalía en Galicia, así como para o persoal galego que traballe fóra da Comunidade Autónoma.

De igual xeito, a Fiscalía elaborará todas as publicacións que considere necesarias para a súa difusión entre os funcionarios; impulsará, mediante campañas de difusión e sensibilización, o uso progresivo do galego; e fomentará o uso da lingua galega a través de medidas de promoción profesional e prestixio dos funcionarios que o utilicen.

Así mesmo, tamén se compromete a actualizar os recursos técnicos para facilitar o traballo en galego dos funcionarios pertencentes á Fiscalía; a utilizar esta lingua nos indicadores interiores e exteriores das súas dependencias; a introducir o galego como lingua normal de traballo, nas oficinas de atención ao público, nas relacións coa cidadanía, nos documentos e trámites administrativos, respectando a opción que o usuario ten de ser atendido en castelán; e impulsar o uso do galego nas comunicacións internas e externas, sexa cal sexa a súa natureza e sempre que teñan por destinatario calquera punto de Galicia, así como nas relacións internas e soportes de comunicación do seu persoal.

Pola súa banda, a Xunta de Galicia asume o compromiso de prestarlles asesoramento técnico e terminolóxico aos fiscais e funcionarios das Fiscalías implicados no proceso normalizador; proporcionará tradutores para os equipos informáticos das oficinas, así como aquelas aplicacións ou programas que poidan contribuír a un mellor desenvolvemento do proceso normalizador; coordinará, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, os traballos de fixación do estándar lingüístico para usos xudiciais; e facilitaralles aos traballadores da Fiscalía en Galicia os medios e a formación para a capacitación lingüística no uso xurídico do galego.

O convenio asinado hoxe terá vixencia ata o 31 de decembro de 2006 e será prorrogado automaticamente por períodos anuais.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-03-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES