Notas de prensa

O presidente da Xunta reivindica o Parlamento como un espazo para o encontro coa cidadanía e aberto á cultura e ás iniciativas da sociedade civil

* Emilio Pérez Touriño reclama maior protagonismo para a Cámara autonómica na inauguración da exposición ‘Diálogo dende o invisible’ coa que se conmemoran os 25 anos da institución * Avoga por unha maior participación de todos os sectores da sociedade galega na construción “dun país mellor”

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, reivindicou o Parlamento como un lugar para o encontro e o disfrute da cidadanía e aberto á cultura e ás iniciativas da sociedade civil. O máximo mandatario galego gabou a vontade da institución parlamentaria de abrir o edificio á sociedade “como símbolo da conexión e do diálogo entre o Parlamento e a sociedade”. Así mesmo, reclamou un maior protagonismo para a Cámara autonómica de xeito que se converta na sede non só da actividade lexislativa senón tamén dos “grandes debates políticos e sociais polos cales a sociedade galega se ve afectada e concernida”.

Así o manifestou durante a súa intervención na inauguración da exposición Diálogo dende o invisible, unha mostra que recolle varias obras de oito artistas galegos e que forma parte dos Diálogos coa Arte, iniciativa do Parlamento enmarcada dentro dos actos de conmemoración dos 25 anos da cámara autonómica.

No seu discurso, o presidente da Xunta reivindicou a Cámara autonómica como “casa da soberanía popular” onde se discuten e aproban as leis “que reflicten os avances e os progresos sociais” e na que os cidadáns “son unha referencia sempre presente, diariamente viva”. Por iso considerou “chea de sentido” a acollida no Pazo do Hórreo dunha exposición de artistas galegos, dado que a Cámara “pode e debe ser tamén un lugar para o encontro e o disfrute da cidadanía, aberto á cultura e ás iniciativas da sociedade civil”, o cal interpretou como “un símbolo da conexión, do diálogo entre o Parlamento e a sociedade”.

Para o dignatario galego, o Parlamento, nos seus 25 anos de vida, logrou facer “visible a existencia dun pobo, dunha identidade nacional” que, malia a súa persistencia histórica e cultural, “tivo negada a súa presenza e expresión institucional ata a restauración da democracia e a posta en marcha do Estado das Autonomías”.

Precisamente, considerou moi atinado que a Cámara celebre os seus primeiros 25 anos cunha exposición na que se pretende dar visibilidade a artistas que non lograron en Galicia a relevancia que acadaron nos circuítos foráneos. Nese propósito, Pérez Touriño salientou “certo contido metafórico” respecto do que “debe ser” labor do Parlamento de Galicia, “unha institución que debe estar sempre atenta a que a distancia entre o país das institucións e o país das rúas e dos centros de traballo, incluídos os obradoiros dos artistas, sexa mínima”.

Esforzo de xustiza

“Queremos que toda a sociedade galega, todos os seus sectores, sexan visibles e que todos participen na construción dun país mellor. E nesta casa común, nesta casa de todos, deben facerse visibles as aspiracións da sociedade galega, do mesmo xeito que hoxe se fai visible o labor dos artistas reunidos nesta exposición”, expresou o presidente, quen incidiu en que é obxectivo das políticas democráticas e progresistas reverter as situacións de invisibilidade e marxinalidade creadas ás veces polas dinámicas socioeconómicas. “Ese é o esforzo de xustiza que os gobernos español e galego están a levar a cabo en relación con colectivos tradicionalmente invisibilizados, como as persoas con dependencia e as mulleres”, puntualizou.

Emilio Pérez Touriño incidiu unha vez máis no seu propósito de rematar co papel secundario outorgado por gobernos precedentes ao Parlamento de Galicia, institución para a que reclamou protagonismo “como sede dos grandes debates políticos e sociais polos cales a sociedade galega se ve afectada e concernida”.

Finalmente, o máximo mandatario de Galicia quixo salientar o valor do programa Diálogos nesa devolución de protagonismo ao Parlamento, ao tratar de intensificar a comunicación entre a Cámara e a sociedade, iniciativa pola que felicitou á presidenta da institución, Dolores Villarino.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-03-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES