
O secretario xeral de Relacións Exteriores, Santiago Gómez-Reino, reuniuse coa Cónsul Xeral de Portugal en Vigo, María Regina Flor e Almeida, para analizar as características do futuro secretariado permanente da Comisión de Traballo Galicia-Norte de Portugal.
Trátase da primeira xuntanza de coordinación entre as dúas Administracións logo da sinatura, o pasado 24 de febreiro, do novo convenio de cooperación transfronteiriza entre o Norte de Portugal e Galicia. Este novo marco, que adapta o acordo constitutivo da Comisión aos requirimentos do Tratado Hispano-portugués de cooperación transfronteiriza de 2002, permite avanzar nunha nova etapa de relacións consideradas de segunda xeración.
Gómez-Reino informou que no encontro de hoxe abordaron as ideas que marcarán o nacemento do secretariado permanente. Así mesmo, adiantou que a secretaría xeral de Relacións Exteriores está a traballar nesta proposta que a Xunta de Galicia presentará nun par de meses ao presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal, Carlos Laxe.
Traballando xuntos
O secretariado permanente fará posible que os representantes da Xunta de Galicia e do Norte de Portugal integrados na Comisión de Traballo desenvolvan as súas tarefas en conxunto, no mesmo espazo físico.
Santiago Gómez-Reino declarou que o secretariado permitirá o traballo común de homes e mulleres separados ata hoxe por prácticas administrativas diferentes e polas barreiras físicas da distancia e nos converte na primeira instancia territorial de carácter rexional da península en cumprir coa adaptación ao Tratado de Valencia e adianta en 3 anos o prazo previsto para a súa aplicación.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.