O máximo mandatario autonómico, Emilio Pérez Touriño, comprometeuse durante a súa visita ao concello pontevedrés da Illa de Arousa a amplíar o porto pesqueiro da localidade. Neste sentido, Emilio Pérez Touriño confiou en que este ano liciten e comecen estas obras de ampliación, unha vez que se teña realizado o estudo de impacto ambiental que, segundo asegurou, xa se está a realizar. O presidente da Xunta facía este anuncio durante a súa visita ao concello pontevedrés da Illa de Arousa, durante a cal tivo ocasión de saúdar á corporación municipal, asinar o Libro de Ouro do Concello e percorrer as instalacións portuarias.
Na súa intervención, tamén asegurou que vén de saír a adxudicación das obras de construción dunha vía de circunvalación entre a ponte da Illa e o porto de Xufre, un traxecto de 3 quilómetros que, na opinión do mandatario autonómico, permitirá liberar tráficos e mellorar a calidade de vida dos cidadáns da Illa. Emilio Pérez Touriño tamén se amosou confiado en que, logo da ampliación deste porto pesqueiro, a Xunta poida asumir a construción dun porto deportivo que permitirá dar un salto adiante a este concello.
O titular da Xunta tamén puido observar, durante a súa visita, as obras que se están levando a cabo no contorno da Casa do Concello, onde se vai construír un centro sociocultural. O presidente da Xunta aseguroulle ao alcalde da localidade que estas obras, que xa están en marcha, terán a garantía do apoio da Xunta para a súa culminación e remate.
Por último, o máximo mandatario galego avogou por remodelar espazos, sacar tráficos do centro do concello e acometer un adecentemento urbanístico no centro do municipio, que está en proceso de estudo e será asumido nun horizonte de tempo razoable. O titular da Xunta realizou estas declaracións logo de manter unha xuntanza e un almorzo de traballo cos alcaldes da comarca do Salnés para coñecer de primeira man as inquedanzas e demandas dos rexedores destes municipios.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.