Notas de prensa

O BNG logra o acordo do Pleno do Congreso para que o Goberno rehabilite a figura de Alexandre Bóveda

A proposición do BNG recibiu o respaldo de todos os grupos parlamentares da Cámara Baixa, agás do PP que optou por absterse.

O Pleno do Congreso dos Deputados aprobou a iniciativa do BNG, instar ao Goberno a promover a rehabilitación institucional, moral, xurídica e persoal de Alexandre Bóveda, fusilado por defender a legalidade democrática e as aspiracións de autogoberno de Galiza. Esta proposición recibiu o respaldo de todos os grupos parlamentares, agás do PP que optou por absterse na votación.

Ademáis, o acordo propiciado polo deputado do BNG, Francisco Rodríguez, contempla o inicio de actuacións para anular o Consello de Guerra sumarísimo ao que foi sometido Bóveda e que conlevou a aplicación da pena de morte o 17 de Agosto de 1936.

Outra das cuestións que se recolle é a de emprazar ao Executivo a adoptar as medidas necesarias, en colaboración coa Xunta, para a recuperación da memoria histórica democrática a fin de proceder á rehabilitación e recoñecimento das vítimas da represión polo levantamento militar franquista do ano 36.

O Pleno da Cámara Baixa debatía unha proposición non de lei de Rodríguez sobre a recuperación da memoria de Alexandre Bóveda, e daba luz verde a esta iniciativa despois de que o deputado nacionalista aceitase transaccionar un texto final co grupo socialista que non modificaba os plantexamentos do BNG.

Bóveda "un home necesario nese momento histórico"

Francisco Rodríguez comezou a súa intervención reseñando a importancia histórica da figura de Bóveda, "todo un símbolo para os galegos e galegas. Bóveda, fillo de costureira e de carpinteiro, tiña 33 anos cando foi fusilado na estrada de Campañó o 17 de Agosto do ano 36, acusado de traición polos militares sublevados".

O deputado do BNG fixo repaso da súa traxectoria política: era Secretario de Organización do Partido Galeguista, estudioso da economía fiscal, redactor do Estatuto de Galiza no ano 1932, defensor do texto estatutario diante dos concellos galegos, e promotor do Partido Galeguista. "Un home necesario nese momento histórico, xoven, sen cargos institucionais, progresista e nacionalista".

Rodríguez subliñou que para Alexandre Bóveda a República era sinónimo de autogoberno e un tempo histórico para Galiza. Lembrou que foi redactor do Estatuto de Galiza, "moitas veces en compañía de Raxoi o avó do presidente do PP, Rajoy". Bóveda logrou que o 80% dos concellos galegos aprobaran o Estatuto, e logo conseguiu que se pasase a plebiscito o 28 de Xuño.

O parlamentar nacionalista explicou que desde o ano 36 e até o ano 42 todos os deputados socialistas, tanto nacionalistas, como republicanos consideraron a Alexandre Bóveda representante dos mártires galegos. Por iso, as Sociedades, entidades e organizacións no exilio estabeleceron o 17 de Agosto como o Día de Galiza Mártir.

Desde o ano 1976, afirmou Rodríguez, sempre se conmemoran todos os 17 de Agosto en memoria desta figura de tanta relevancia na memoria histórica de Galiza. "Foi un home exemplar e válido para todos: nacionalistas, republicanos, comunistas, socialistas, anarquistas. Necesitamos reconstruír a nosa memoria histórica pola dignidade do noso país. Bóveda é para todos a expresión da vontade de país que aspira a ter un lugar na Historia", aseverou o deputado do BNG, quen recordou que Galiza foi vítima do alzamento militar, foi anulada, foi
represaliada, sofriu desterros e purgas.

Galiza Nova Bos Aires - www.bng-galiza.org, 2006-03-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES