Notas de prensa

O presidente da Xunta cre que existen fórmulas para abordar a reforma do Estatuto se hai vontade nas forzas políticas

* Emilio Pérez Touriño sostén que unha comisión pode asumir o rol de espazo para o debate aberto onde se reciben as comparecencias e unha ponencia podería desenvolver o traballo a porta pechada * Sostén que se existe “vontade e determinación de reforma” pode haber un espazo onde a representación das forzas parlamentarias sexa proporcional e outro onde sexa ponderada * Insta a Núñez Feijóo a deixar de poñer “atrancos” e “desculpas”e a asumir “responsabilidade e autonomía política” para que o PP se poña a traballar xa a partir da vindeira semana * Nunha entrevista na Radio Galega, reitera o seu compromiso de reformar a lei electoral “por consenso e mediante o diálogo” a diferencia da norma vixente “imposta pola maioría popular a todos os grupos” * Salienta que 2006 será un ano de impulso moi importante da acción do Goberno pois se elevarán ao Parlamento 36 proxectos de lei


O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, apremiou as forzas políticas a pechar un acordo para pór en marcha canto antes a reforma do Estatuto de Autonomía. Ante os “atrancos” para pactar a fórmula procedemental na que se desenvolvan os traballos, o máximo mandatario galego considerou que non sería “incompatible” nin “inviable” que a reforma se aborde no seo dunha comisión parlamentaria á que estea adscrita unha ponencia, sempre que exista “vontade e determinación” nas forzas para pechar unha fórmula, polo que emprazou ao PP a “non seguir poñendo desculpas”. Asemade, reiterou o seu compromiso de revisar a lei electoral “por consenso e mediante o diálogo”, a diferenza da norma vixente “imposta pola maioría popular a todos os grupos”. O presidente tamén amosou a súa vontade de que este ano sexa “de impulso moi importante” á acción de Goberno, como o demostran os 36 proxectos de lei que se remitirán ao Parlamento.

Nunha entrevista concedida á Radio Galega, o máximo mandatario galego reflexionou sobre o cambio producido en Galicia coa chegada do Goberno que preside así como sobre o proceso de reforma estatutaria. Emilio Pérez Touriño sinalou que tras 16 anos de maioría absoluta, na cidadanía “se percibía con intensidade a expectativa e a necesidade do cambio” e o Goberno “respondeu” facendo unha transición “que se esperaba complicada” dunha forma “natural e sen traumas”. Dende ese momento, abundou Touriño, o Goberno gañou en estabilidade e en confianza da cidadanía. “Iso é o que percibo, moitas ganas acumuladas en Galicia de converternos nese país plenamente europeo en riqueza, en calidade de vida. Este é un país que ten moitas ganas e moita fame de futuro”.

A esa expectativa de cambio respondeu o Goberno que preside, que fixo do “exercicio do diálogo” a súa primeira “pauta de conducta”, acuñando unha nova forma de facer política e relacionarse coa cidadanía. Emilio Pérez Touriño sostivo que o seu Goberno marcha “ben” porque está a cumprir o “contrato subscrito cos cidadáns” no debate de investidura e sinalou que esa marcha faino ser “máis esixente”. “Aspiramos a facelo mellor”.

Ansias de gañar o futuro

Nesa liña, Touriño explicou que Galicia conta cunha perspectiva financeira “sólida” tras a aprobación dos presupostos da Unión Europea, que garanten a percepción de fondos estruturais ata o 2015. Tamén remarcou a aprobación dos orzamentos do seu Executivo, que permitirán desenvolver un programa de Goberno centrado nas políticas sociais e de igualdade, na aposta pola I+D+i, a formación dos recursos humanos e o impulso a unha educación de calidade, na modernización e competitividade da economía e na ordenación e “reequilibrio” do territorio. Así mesmo, trasmitiu a súa “intención decidida” de que Galicia “gañe en proxección exterior”, tanto en España como en Europa, potenciando a Eurrorrexión co Norte de Portugal e a relación con Iberoamérica. E amosou a súa firme convicción de que Galicia obterá un mellor financiamento no proceso aberto de reforma do modelo financeiro das autonomías.

Xunto á perspectiva institucional do cambio, sinalou que este debe facerse extensivo á sociedade. Así, salientou que Galicia debe deixar de ser “unha sociedade tradicionalmente subvencionada sometida a pautas en gran parte clientelares” para apostar por unha “sociedade civil máis potente, máis libre, con máis iniciativa emprendedora” e onde poida emerxer “a capacidade inmensa que ten este país”. “A Xunta ten que ter un papel de liderado, de impulso, de acompañamento, pero nunca de intervención, de substitución ou de dirixismo”, explicou Touriño, quen cre necesario substituir a “política populista e clientelar clásica da opción da dereita e do PP durante tantos anos”, por outra que permita avanzar á Galicia do século XXI.

36 proxectos de lei

A este respecto, o presidente manifestou que o 2006 será un ano dun “moi importante impulso” á acción lexislativa do seu Goberno pois se remitirán á Cámara 36 proxectos de lei, un número que contrasta cos 40 que presentou o Goberno anterior en toda a lexislatura. Segundo explicou, os proxectos teñen que ver coa modernización e a transparencia, co territorio e o desenvolvemento, coas políticas sociais e os novos dereitos da cidadanía.

Reforma estatutaria

Preguntado pola necesidade da reforma do Estatuto galego, o xefe do Executivo explicou que tras 25 anos de autonomía cómpre “adaptar” a norma “aos novos tempos,” dado que no momento da súa aprobación practicamente non existía a Unión Europea nin a globalización tiña as características de hoxe. Ademais, explicou que Galicia debe contar cun instrumento para mellorar a calidade de vida e os servizos aos cidadáns e supere a fenda de 25 puntos que a separa da renda media da UE.

Por iso, instou ás forzas a facer un esforzo de consenso para afrontar a reforma dende o diálogo e dentro do marco constitucional. Na súa opinión, que o novo texto saia da unión das tres forzas daralle a Galicia “unha fortaleza inmensa como país”

Dito isto, o xefe do Executivo instou ao PP e ao seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, a deixar de poñer “atrancos” no camiño da reforma e que impediron que esta botase a andar. Touriño avogou por buscar unha fórmula procedemental na que todos se sintan cómodos para traballar. “Creo que é posible que haxa unha comisión e unha ponencia. É mais, dío así o regulamento da Cámara. Polo tanto, pode haber un espazo para o debate aberto onde se reciben as comparecencias. E pode haber un espazo para o traballo cerrado, de traballo en ponencia. E pode haber un espazo onde a representación é proporcional e outro no que a representación é ponderada”, expresou Touriño, quen reclamou “vontade e determinación” para lograr ese acordo.

Por elo, instou a Feijóo a exercer a responsabilidade e a autonomía política para poñerse a traballar na reforma na semana que comeza. Preguntado se o PP nacional lle daría esa autonomía ao presidente do PP galego, Touriño manifestou que esta é “un exercicio constante de liderado político”. “Quen aspira a ser líder da oposición dun país como Galicia, quen é debedor de 25 anos de autonomía creo que non ten outro camiño que exercer a autonomía e exercer o auténtico liderado político. Espero que o señor núñez Feijóo estea a altura das circunstancias”, emprazou.

Lei electoral de consenso

En canto á reforma da lei electoral, o máximo mandatario galego lembrou que na reunión mantida con Núñez Feijóo trasladoulle a necesidade de acometer ese cambio, pero dentro do diálogo e o consenso, como na reforma do Estatuto, porque “as regras de xogo teñen que ser pactadas”. “En Galicia non hai esa tradición, porque a lei electoral actual foi imposta pola maioría popular a todos o grupos políticos. Cando o PP tivo a maioría a exerceu con dureza e a impuxo as regras e xogo aos demais”, lembrou o presidente, quen insistiu en que mentres exerza as responsabilidades de Goberno “nunca imos impoñer as regras de xogo a ninguén”.

Finalmente, o xefe do Executivo emprazou ao PP a abandonar a estratexia de “confrontación de desgaste total do Goberno que dirixe o partido socialista e de confrontación e paralización de toda a proposta reformista e innovadora”. En concreto, cominou aos populares a reconsiderar a súa posición en materia de política antiterrorista pois lembrou que esta sempre foi unha “política de estado, que nunca se utilizou contra o Goberno” pois a oposición “sempre lle deu todo o apoio, sen restriccións, ao Goberno de turno para loitar a favor da paz e contra ao terrorismo”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-02-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (terceira-idade.jpg) Galicia vén de acadar os 43.000 beneficiarios do Bono Coidado no Fogar e consolídase como referente na atención á dependencia en España. Esta medida pioneira, posta en marcha pola Xunta hai dous anos e única no conxunto do país, permite que as persoas dependentes poidan recibir coidados no seu fogar e forma parte do compromiso da Xunta coa atención á dependencia. Neste sentido, o Executivo autonómico destinou este ano 179 millóns de euros para esta prestación. O Bono Coidado no Fogar consiste nunha axuda de 5.000 euros ao ano para os dependentes que son coidados nos seus domicilios por un familiar ou calquera outra persoa da súa contorna.
Foto de la tercera plana (nenos-clase-estudo.jpg) O sistema educativo galego contará con 536 centros plurilingües o próximo curso 2026/27 nas etapas de Infantil, Primaria, ESO ou Bacharelato e FP. Seis centros decidiron incorporarse a esta iniciativa e outros dous ampliar a súa participación na mesma a outras etapas, o que confirma o incremento progresivo deste modelo, voluntario para os centros, desde a súa posta en marcha. Do total dos centros con modelo plurilingüe, 445 serano en Primaria e 93 en ESO, 259 en Infantil, 16 centros en Bacharelato e 40 en FP. Ademais dos centros plurilingües, a Consellería oferta diversas modalidades.

Notas

No marco do convenio asinado pola USC e a Deputación da Coruña, o grupo de investigación Histagra da USC, tamén pertencente ao Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), está a coordinar o estudo histórico e arqueolóxico das fosas localizadas no cemiterio de Serantes (Ferrol). A primeira cata arqueolóxica neste espazo desenvolverase entre o luns 31 de agosto e o venres 11 de setembro.
Pódese prever como se comportará a rótula despois dunha operación de prótese de xeonllo? Unha investigación desenvolvida no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña permite simular o movemento desta articulación tras a intervención e estudar como as características de cada paciente poden influír na elección do tratamento.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES