
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, acordou co embaixador da República de Indonesia no Reino de España, Slamet S. Mustafá, impulsar a cooperación con Indonesia en materia pesqueira. Neste senso, na reunión, á que asistiron o ministro conselleiro de Negocios da Embaixada Sritomo Wirodihardjo e a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, acordouse a posta en marcha de forma inmediata dun grupo de traballo entre os dous gobernos.
Este grupo, do que formarán parte o goberno galego e o goberno da República de Indonesia, analizará as posibilidades de cooperación pesqueira en ámbitos como a formación de traballadores. O presidente da Xunta e o embaixador de Indonesia amosaron a súa vontade de promocionar o intercambio de tecnoloxía en áreas como a acuicultura e a naútico-pesqueira.
Por outra banda o goberno galego solicitoulle a Indonesia unha mellora nas infraestructuras terrestres do porto de Yakarta, ao ser este un porto no que a flota galega, sobre todo palangreiros e atuneiros, operan con asiduidade. E demandaron a colaboración dos representantes de Indonesia para frear o auxe da piratería que se está a dar en augas do norte preto de Malasia, xa que esta situación está a provocar altos custes para moitos buques pesqueiros que se ven obrigados a evitar estes pasos marítimos.
Por último o goberno galego comprometeuse a mediar ante o Instituto Social da Mariña para que os cidadáns indonesios que desexen traballar en Galicia o fagan dentro das condicións do marco laboral vixente.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.