Quero mandar desde aquí unha mensaxe de tranquilidade ás federacións deportivas. Nós non estamos cunha caza de bruxas, non é esa a nosa intención, o único que pretendemos é garantir o control dunhas entidades que son subvencionadas con fondos públicos, e confirmar que os cartos se gasten no que se debe facer.
Con estas palabras, o director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez OIveira, intentou deixar claro que o obxectivo da nova lei de subvencións ou do regulamento dos procesos electorais é o de lograr a máxima transparencia no seo destes colectivos. Estas declaracións foron realizadas durante a rolda de prensa que o máximo responsábel deste departamento fixo para facer balance dos seus seis primeiros meses ao fronte do deporte galego e anunciar os proxectos inmediatos.
Desta forma, explicou que se está a rematar de elaborar un novo regulamento de subvencións para federacións e clubs, coa novidade de que se lles solicitarán aos colectivos que presenten proxectos de actuacións concretos que serían subvencionados. Os criterios que se valorarán de forma especial son o coidado ás categorías inferiores, a aposta pola profesionalización dos monitores, o apoio ao deporte feminino, a integración social no mundo do deporte e o feito de que no primeiro equipo conten con deportistas galegos/as.
Domínguez asegurou que non entende a preocupación existente no seo das federacións porque se regularice o proceso electoral, pois non debe ser ningún problema que se regularice o voto por correo, tal e como se fai en calquera proceso electoral.
Tamén anunciou que en breve será presentado un concurso que se fará entre os centros de ensino galegos para encontrar unha mascota e un novo logo para o Deporte Galego: Hai que irse renovando cos novos tempos, modernizar a imaxe, e o que queremos é que sexan os mozos e mozas as que interveñan nesta elección.
Con respecto ás seleccións absolutas galegas, manifestou a súa confianza en que nos próximos meses poidan debutar os equipos feminino e masculino de baloncesto, ademais dos de balonmán, xa que a Federación Galega de Balonmán expresou a súa boa disposición e colaboración na creación destas seleccións. O desexo é que a selección feminina de baloncesto debute antes do verán.
Equipo galego de ciclismo.
Outra das prioridades da Dirección Xeral para o Deporte é a creación do equipo profesional de ciclismo, proxecto no que leva varios meses traballando. Santiago Domínguez indicou que, polo momento, as negociacións van por bo camiño pero que aínda é pronto para afirmar esta realidade: Espero poder dicir algo definitivo a mediados de marzo. Por último, compre subliñar que tamén anticipou que dende a Dirección Xeral se está a estudiar a posibilidade de crear a Copa Xunta de Galicia de fútbol, na que participarían os clubs de Primeira, Segunda e Segunda B. Estamos deseñando o posíbel calendario, pero hai que falar cos clubs e coa Federación Galega de Fútbol.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.