Os actuais debates entre responsables ministeriais de países vitivinícolas de cara unha reforma da Organización Común de Mercado (OCM) na Unión Europea non están a ter en conta as nosas especificidades como país. Por unha banda, hai propostas de pagos desacoplados (pago único por superficie de viñedo) que, de saír adiante, suporían destinar aos viños do Mediterráneo boa parte das partidas orzamentarias para apoiar a este sector, ficando Galiza fóra.
Coma sempre, con medidas como a devandita o único que se pretende favorecer é a liberalización dos mercados en beneficio dos grandes operadores do sector.
Para o Sindicato Labrego Galego, Galiza necesita unha OCM que contemple a continuidade da vitivinicultura de escala labrega: grandes calidades, mercados locais, diferenciación ecolóxica e plurivarietal, ter en conta as estructuras minifundistas, rendementos controlados, etcétera.
Porén, os intereses vitivinícolas que defende o Ministerio de Agricultura están máis a favor das grandes producións: marcas uniformes, destilación, viños tecnoindustrializados, marcas brancas en grandes superficies, etcétera.
Así e todo, desde o SLG descoñecemos a postura do Ministerio de Agricultura (MAPA) neste tema, xa que o departamento de Elena Espinosa segue facendo gala dunha total opacidade, actitude que xa está a tomar por norma. De feito, o Ministerio nin sequera expuxo o seu tan cacarexado Plan Estratéxico para o Viño anunciado publicamente en Santiago de Compostela no ano 2004.
Diante desta situación de incerteza xerada polo escurantismo do MAPA, o Sindicato Labrego defenderá que na OCM se teñan en conta todos os mundos vitivinícolas que hai en Europa e, en especial, as especificidades dos nosos viños, xa que nesta cuestión pouco ou nada temos que ver coas outras realidades do Estado Español onde é norma vender viño á destilación a prezos de miseria inferiores aos 30 céntimos por litro.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.