O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, sostivo que os proxectos enerxéticos de Galicia están garantidos e non se verán prexudicados polos movementos que se están a rexistrar nos mercados. Non obstante, comprometeu un seguimento intenso e activo e un alto nivel de interlocución para garantir os proxectos enerxéticos, o emprego xerado polo sector e o mellor futuro do mesmo .
En declaracións aos xornalistas, o xefe do Executivo galego enmarcou a OPA lanzada por unha empresa eléctrica alamana sobre Endesa como un movemento propio dun mercado que nos últimos meses está a vivir un contexto de reposicionamentos, aliñamentos e movementos das grandes corporacións enerxéticas. Ante esta situación, aseverou que o Goberno que preside estará atento para garantir os intereses dos consumidores, dos proxectos enerxéticos e do emprego xerado por este sector na comunidade. Manteremos sempre un alto nivel de interlocución e de seguimento intenso e activo para garantir os proxectos enerxéticos, o emprego e o mellor futuro do sector enerxético en Galicia, explicitou.
Respecto a Reganosa, o máximo mandatario galego lembrou que unha iniciativa asegurada e con risco cero, dado que está enmarcada dentro dos plans enerxéticos nacionais e do sistema gasístico español. Está plenamente asegurada independentemente das OPAS, concretou.
Emilio Pérez Touriño quixo transmitir unha mensaxe de tranquilidade e de confianza aos cidadáns pois, segundo explicou, os mecanismos reguladores do mercado actuarán para salvagardar os intereses dos cidadáns e da libre competencia e porque a Xunta manterá unha posición activa e desenvolverá un seguimento de cerca sobre a OPA.
Reforma estatutaria
Preguntado sobre a reforma do Estatuto, o presidente da Xunta manifestou o seu desexo de que os grupos parlamentarios desbloqueen canto antes a situación, de xeito que atopen unha fórmula axeitada que permita abordar os traballos de reforma dun xeito dialogado e eficaz. Tras remarcar que existen síntomas positivos ao respecto, Emilio Pérez Touriño manifestou a súa esperanza en que os grupos cheguen a un acordo esta mesma semana e poidan así empezar os traballos.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.