Notas de prensa

O Instituto Galego de Consumo pon en marcha unha campaña específica de inspección sobre caretas e máscaras de Antroido

* O IGC recomenda aos consumidores que comproben as condicións de seguridade deste tipo de produtos.

Ante a chegada do Antroido, o Instituto Galego de Consumo (IGC) quere facer unha serie de recomendacións aos consumidores sobre todo no relativo ás máscaras e caretas propias destas datas. Asemade, o IGC vai pór en marcha unha campaña específica de inspección sobre este tipo de produtos no comercio galego durante o período de celebración do Carnaval.

O Instituto recomenda ao consumidor que cando merque un artigo destas características verifique que estea provisto da correspondente etiqueta, que esta debe vir en alomenos nunha das dúas linguas oficiais (galego ou castelán) e que debe recoller a seguinte información: o nome ou denominación comercial do produto; os datos de identificación da empresa que o comercializa; país de procedencia, marca e indicacións de uso; símbolo gráfico no que se indique, cando proceda; a prohibición para menores de tres anos, e o marcado comunitario, co símbolo CE.

Asemade, no caso de que se merquen xoguetes que sexan unha imitación de máscaras e cascos de protección, estes deberán levar a seguinte lenda: “¡ADVERTENCIA! Isto é un xoguete. Non proporciona protección”.

O IGC tamén lembra que convén comprobar os requisitos mínimos de seguridade cando se merque este tipo de produtos, sobre todo nas máscaras que cubren toda a cara e que estean fabricadas con material impermeable, xa que poden ocasionar accidentes. Así, recomenda ter en conta que as máscaras deberán dispor dun área de ventilación suficiente (mínimo de 1.300 mm2). Esta área pode distribuírse nun só orificio (por exemplo, a boca) ou en varios separados (ollos, nariz,...). Neste último caso, a separación entre eles será de alomenos 15 cm.

O Instituto tamén recomenda prestar especial atención no caso de que as máscaras ou caretas vaian ser utilizadas por nenos, polo que recomenda aos pais valorar a idoneidade do artigo en función da idade ou das características do neno ou nena, asegurándose de que a súa utilización sexa adecuada, de que as máscaras non teñan aristas cortantes e de que se adapten ao tamaño da cara do rapaz ou rapaza.

Por último, o IGC recorda aos comerciantes que son responsables dos produtos que venden polo que deben ser tamén eles quenes se aseguren de que os artigos que poñan á venda respondan a criterios de seguridade.

Gabinete de Comunicacion da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, 2006-02-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES