Notas de prensa

Touriño manifesta o apoio da Xunta ao proxecto emprendedor da Asociación de Empresarios Galegos en Cataluña

* O presidente compromete a participación do seu Goberno na posta en marcha do Gran Encontro de Galegos no Mundo, que se celebra en xuño en Barcelona * Salienta a capacidade de unión e a vontade de traballar en rede dos empresarios galegos en Cataluña

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, comprometeuse coa Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña a apoiar e participar na celebración do Gran Encontro de Galegos do Mundo que terá lugar en Barcelona o vindeiro mes de xuño. O máximo mandatario autonómico sostivo que este evento permitirá dar un “salto histórico” ao sentimento de galeguidade ao potenciar o “orgullo e autoafirmación” de Galicia e apostar por transmitir unha imaxe dunha comunidade “unida, capaz e emprendedora”.

Así o asegurou tras entrevistarse coa directiva desta asociación empresarial na residencia oficial de Monte Pío. Na mesma, os empresarios expuxeron a iniciativa do segundo Gran Encontro de Galegos no Mundo, que se celebrará en Barcelona os días 9, 10 e 11 de xuño. Con este evento, a asociación pretende promover un encontro dos galegos con todos os cidadáns que comparten o sentimento de galeguidade e levar a cabo unha presentación da realidade da Galicia do século XXI nas vertentes cultural e económica, a través da celebración do Encontro de Culturas e o de Emprendedores. Este último profunda nas oportunidades de negocio da economía galega a nivel mundial e, na edición deste ano, presentarase o protocolo para a constitución do Colectivo Internacional de Empresarios Galegos, unha alianza de todos os emprendedores galegos a nivel mundial que actúe como “lobby”, segundo explicou o presidente de AEGA, Julio Fernández.

Emilio Pérez Touriño quixo felicitar á asociación empresarial polo traballo realizado para potenciar “a afirmación, orgullo e autoestima de ser galego e ser empresario galego no mundo, neste caso en Cataluña”. Un aspecto ao que lle conferiu o presidente ”un valor estratéxico fundamental” ao manifestar capacidade de unión e vontade de traballar en rede, poñendo en común proxectos e ideas e compartindo galeguidade.

Por elo, o máximo mandatario galego manifestou o compromiso da Xunta e seu persoal para apoiar e participar na realización do Encontro de Galegos do Mundo que terá lugar en Barcelona do que, dixo, “marcará un antes e un despois”. “Este proxecto suporá un salto histórico, que é o salto da galeguidade no mundo recoñecerse neste século que comeza, en termos dunha comunidade capaz de emprender, de ter liderado, de aportar no mundo, de pesar no mundo, de aportar emprego, riqueza, actividade, cultura. Unha cultura e un proxecto necesariamente aberto e plural, capaz de conciliarse nesa capacidade de convivencia nun mundo cada vez máis globalizado e interdependente”, expresou Touriño, que augurou un gran éxito a este encontro, ao que definiu como “unha plataforma de arranque da nova realidade de Galicia”.

Plena dispoñibilidade

Emilio Pérez Touriño indicou que o Goberno galego estará en plena dispoñibilidade para aportar a súa colaboración, mesmo económico, coa vontade de non restarlle protagonismo aos promotores e garantir a liberdade coa que nace o proxecto. Asemade, manifestou a súa esperanza en poder asistir ao encontro e “gozar” do mesmo.

Julio Fernández explicou que este encontro pretende trasladar ao mundo a imaxe dunha Galicia que abre “unha nova etapa”, unha Galicia “moderna e fantástica” e con espírito emprendedor.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-02-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES