Notas de prensa

O presidente da Xunta compromete que o proxecto para a construción da conexión interior de Galicia con Asturias estará listo este ano

* Destaca que o “Y” de Fonsagrada é unha actuación vital para o desenvolvemento económico da montaña lucense * Afirma que este proxecto no que se investirán máis de 40 millóns de euros permitirá mellorar a calidade de vida da Galicia interior

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, comprometeuse cos alcaldes da Fonsagrada (Negueira de Muñiz, A Fonsagrada, Baleira, Castroverde, Ribeira de Piquín, Navia de Suarna e Meira) a que o proxecto para a construción da conexión interior entre Galicia e Asturias estea listo este mesmo ano, polo que as obras se poderán iniciar en 2007. Así o asegurou o titular do Goberno galego, que acompañado pola conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, deu conta esta tarde das conclusións do VII Cumio galaico-asturiano que repercuten nos concellos da comarca da Fonsagrada.

Emilio Pérez Touriño destacou que o “Y” de conexión de Fonsagrada con Santa Eulalia de Oscos e Grandas de Salime, é unha actuación histórica que permitirá achegar a montaña lucense á costa e á autovía A-6. O presidente da Xunta afirmou que esta actuación na que se investirán máis de 40 millóns de euros, entre Asturias e Galicia, permitirá desencravar e comunicar axeitadamente esta zona interior lucense.

O máximo mandatario galego afirmou que este eixo de comunicación permitirá mellorar a calidade de vida dos cidadáns e axudar a dar futuro á Galicia interior. Emilio Pérez Touriño manifestou o compromiso de que o Goberno galego porá “todos os medios” para conseguir fixar poboación no interior de Galicia e facer a estas comarcas máis atractivas, dotándoas dos servizos, as infraestruturas e os equipamentos para dar igualdade de oportunidades aos cidadáns destes territorios.

Con esta actuación, Asturias e Galicia terán a posibilidade de mellorar a conexión do occidente asturiano coa A-6 e a Autovía do Cantábrico, a través do corredor Meira-Baleira-Baralla, que actualmente están en proceso de reforma e mellora.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-02-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES