
As instalacións deportivas municipais de O Porriño acolleron o sábado a celebración dos décimos Xogos Autonómicos de Baloncesto Special Olympics Galicia, organizados na localidade pontevedresa por Special Olympcis Galicai coa colaboración da asociación local Accesca e de Fademga Feaps Galicia.
Deportistas con discapacidade intelectual dun total de 25 asociaicóns de toda Galicia competiron durante toda a xornada na competición por equipos, nas probas de destreza individual e nas probas adaptadas. A competición desenvolveuse con éxito grazas sobre todo á labor tan importante dos máis de 80 voluntarios que se achegaron a apoiar ás persoas con discapacidade intelectual. Neste Xogos Autonómicos de Baloncesto reuníronse preto de 500 persoas entre deportistas con discapacidade intelectual (343), adestradores (105) e voluntarios e integrantes da organización (70) e serviron de antesala aos Xogos Nacionais de Baloncesto que Special Olympics Galicia organizará no mes de novembro en Vigo coa participación da maioría das asociacións do resto de España.
A inauguración oficial dos Xogos correu a cargo do alcalde de O Porriño Raúl Francés Rodríguez; ao que acompañaron o Presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández Pérez; o Delegado Provincial da Vicepresidente da Igualdade e do Benestar, Francisco Javier Verea Argibay, a Presidenta de Accesca, María Luz Fernández Grandal; así como representantes da corporación municipal e da Xunta Directiva de Fademga Feaps Galicia.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.