Está previsto que a Lei de Policía Autonómica de Galicia entre no Parlamento nesta primavera e estea aprobada antes de final de ano. Así o afirmou o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, durante a inauguración da Xornada sobre Seguridade e Policía Autonómica que tivo lugar no Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia da Estrada (CEXESGA).
O titular de Presidencia recoñeceu que é necesario cubrir servizos especializados en eidos coma a sinistralidade vial, onde cómpre unha maior presencia de axentes nas estradas, a vixilancia nas costas e o medio ambiente, que precisan dunha forza máis dedicada a estes obxectivos que ten que depender do Goberno autonómico. Nese sentido, considerou que, tendo en conta os obxectivos que ten actualmente ten a unidade de policía adscrita, se precisarían entre 2.000 e 2.500 policías, dependendo do Goberno de Galicia, para tarefas especializadas.
Modelo de colaboración
Cremos que isto significa un modelo distinto, coma o que se ten iniciado en Cataluña e no País Vasco, que é plenamente de colaboración coas forzas de seguridade do Estado e que ten que permitirnos manter e mellorar eses niveis de seguridade, declarou Méndez Romeu, quen explicou que a creación dunha policía se trata dun servizo moi custoso en termos económicos e dunha actividade difícil de lograr con termos de eficacia profesional.
O conselleiro destacou que o CEXESGA, que vai ser o centro de formación da policía, será ampliado para acoller a formación das novas promocións. Gustaríanos que esta policía do futuro tivera a posibilidade de integrar a todos os membros da actual unidade adscrita e tamén a un número importante de gardas civís e de policías nacionais que queiran pasar ao novo corpo, afirmou.
Así mesmo, lembrou que en Galicia hai niveis de seguridade mellores que a media do Estado, e que os cidadáns teñen una percepción favorable dos corpos de seguridade. O feito de que a meirande parte dos gardas civís e policías nacionais destinados en Galicia sexan da propia comunidade favorece ese arraigo e esa convivencia doada, e polo tanto mellora as taxas de seguridade pública, asegurou.
Xornada sobre Seguridade e Policía Autonómica
O conselleiro fixo estas declaracións no decurso da Xornada sobre Seguridade e Policía Autonómica, que continuará esta tarde coa presenza do director xeral de Seguridade e Emerxencias do Goberno de Canarias, José Andrés García de las Casas, quen falará sobre A política de interior na Comunidade Autónoma das Illas Canarias. O desenvolvemento dun novo modelo policial e de seguridade nos seus inicios. Antes do remate da xornada, ás seis, falarase sobre O desenvolvemento dun novo modelo policial e de seguridade na súa fase de consolidación. A experiencia de Cataluña presentado por Jesús A. Solares, director de Servizos Territoriais de Interior de Barcelona do Departamento de Interior da Generalitat de Cataluña. O acto de clausura está previsto para as sete e media e contará coa participación da directora xeral de Interior da Xunta de Galicia, María Isabel Durántez Gil.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.