A taxa de inserción laboral dos titulados de formación profesional en Galicia é de 79 %. Así se desprende do último estudo de inserción laboral promovido pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, realizado en 2005. Este informe correspóndese cos titulados que finalizaron ensinanzas de formación profesional no curso escolar 2002/03 en centros sostidos con fondos públicos e en centros privados de Galicia, distribuídos por familias profesionais e ciclos formativos.
Por sectores de colocación, obsérvase que a gran maioría dos titulados (un 88,4%) atoparon traballo no sector privado, con aproximadamente un 15% de contratos indefinidos. O resto fixérono na Administración Pública (un 9,4%) e por conta propia (un 2,2%).
Na empresa privada, as grandes vías de colocación son, segundo de desprende deste estudo, os contactos persoais (28,2%), a empresa na que se realizou o módulo de Formación en centros de traballo (27,8%), a iniciativa propia (21,1%), e a través do centro educativo (10%).
Segundo o informe, as familias profesionais de carácter industrial, as relacionadas co sector primario e aquelas referidas ao sector servizos son as que presentan unha maior inserción laboral, con taxas que van desde o 94,7% de Actividades marítimo-pesqueiras ata o 85,4% de Imaxe persoal.
O número de alumnos do deseño mostral está en relación á cantidade total dos estudantes que finalizaron ensinanzas de formación profesional en cada unha das 22 familias profesionais que se ofertan en Galicia. Así, tendo en conta que no curso obxecto do estudo (2002/03) remataron estas ensinanzas un total de 11.621 alumnos, o tamaño da mostra foi de 6.771 titulados.
O posto de traballo e os estudos realizados van da man
O último estudo de inserción laboral dos titulados de FP en Galicia revela que un 68,2% dos colocados declarou ter atopado un posto de traballo relacionado cos estudos realizados. Ademais, esta porcentaxe é significativamente elevada nas familias profesionais de Actividades marítimo pesqueiras (83,3%), Edificación e obra civil (83,5%), Imaxe persoal (85,4%) e Madeira e moble (90,1%).
A Comunidade galega acolle á maioría dos titulados que atopan o seu primeiro emprego. Así, o 95,6% dos mesmos colocáronse en Galicia. Non obstante, un 38,9% dos que realizaron estudos da familia profesional de Actividades marítimo pesqueiras fixérono fóra (22,2% no resto de España e 16,7% no estranxeiro).
Rapidez á hora de conseguir emprego
Segundo este informe, máis de 2/3 dos titulados que atoparon emprego fixérono en menos de 6 meses. Destaca a rapidez en conseguir emprego no caso dos alumnos das familias profesionais de Fabricación mecánica, madeira e moble, Edificación e obra civil, e Mantemento de vehículos autopropulsados, que o fixeron en menos de 6 meses en porcentaxes superiores ao 80% dos titulados.
Por outra banda, os titulados que tardan máis tempo en facerse cun posto de traballo correspóndense coas familias profesionais de Sanidade e Informática e Administración. Así, máis da metade dos alumnos que cursaron estas ensinanzas tardou máis de 12 meses en atopar emprego.
Con respecto aos egresados que non están ocupando un posto de traballo, este estudo sinala que un terzo do conxunto dos titulados de FP en Galicia no curso 2002/03 declarou atoparse continuando estudos de formación profesional (25,6%), universitarios (36,2%) e outros (38,2%). Por outra banda, un 17,6% sinalou que se atopaba en situación de parado (un 14% buscando emprego e un 3,6% compaxinando a busca de emprego con estudos).
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria considera que o coñecemento dos datos relativos á inserción laboral dos titulados de formación profesional é un referente que o alumnado debe ter en conta á hora de tomar decisións profesionais. Ademais, estes estudos constitúen unha ferramenta útil para a Administración educativa autonómica no seu cometido de planificar a oferta de formación profesional.
Co obxectivo de ter un mellor coñecemento da capacidade do mercado de traballo para a absorción dos titulados de FP, así como das competencias e necesidades dos alumnos que están a cursar estas ensinanzas en Galicia, está previsto que a Consellería de Educación realice este ano -a través da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais- un novo estudo sobre a inserción laboral dos titulados no curso 2004/05.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.