Notas de prensa

Manuel Luís Rodríguez anuncia a convocatoria dun premio que recoñeza as iniciativas que fomenten a inserción inmigrante desde unha perspectiva integral e innovadora

* O secretario xeral de Emigración reuniuse co alcalde de Pontevedra, ante o que se compromete a colaborar na integración dos inmigrantes * Subliña a importancia de potenciar o papel dos concellos na política social, ao ser as institucións ás que primeiro acoden os colectivos desfavorecidos * Secretaría e Concello veñen de asinar un convenio por valor de 90.000 euros que potenciará a labor da Oficina de Atención a Inmigrantes

O secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, anunciou en Pontevedra, trala reunión mantida co alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, a próxima convocatoria dun premio que recoñeza e difunda aqueles “proxectos, iniciativas ou programas, ben sexa de concellos ou de asociacións, que fomenten a inserción social, laboral e cultural do colectivo inmigrante desde unha óptica integral e innovadora”. A iniciativa activarase a comezos de 2006 e premiará a excelencia, as boas prácticas e a eficacia nun servizo que é necesario para os inmigrantes e para os cidadáns galegos.
Manuel Luís Rodríguez subliñou a necesidade de propiciar, desde as administracións autonómica e municipal, unha integración harmónica e sen traumas dun colectivo “claramente desfavorecido e que necesita da nosa solidariedade”. Neste sentido, ponderou a importancia de traballar desde os principios de xustiza social e respecto ás persoas, para dese xeito acadar unha sociedade máis plural e tolerante. Ao tempo, chamou a atención sobre o perigo de “caer na caridade ou na axuda de emerxencia” cando se trata con persoas inmigrantes.

O secretario xeral significou a labor “eficaz e innovadora” executada desde a concellaría de asuntos sociais do Concello de Pontevedra, á fronte da que se atopa Margarita Castejón, capaz de atender con “recursos limitados as necesidades básicas do colectivo inmigrante” nun municipio que en cinco anos viu como se multiplicaba por catro a súa poboación estranxeira, pasando a ser, segundo datos de decembro deste ano, de 2.945 persoas. Iniciativas como a publicación da Guía do Inmigrante, impulsada desde o departamento de servizos sociais, “son as que a Secretaría terá en conta a partir de 2006, co obxectivo de que as boas prácticas que promove se contaxien a outras entidades”.

Colaboración cos concellos

O reforzo da colaboración entre a Secretaría Xeral de Emigración e os entes locais foi outro dos capítulos que subliñou Manuel Luís Rodríguez trala reunión con Fernández Lores. A Xunta avoga por “potenciar” o compromiso cos concellos, en tanto que son as “institucións máis próximas aos cidadáns e ás que primeiro acoden os colectivos de inmigrantes, retornados e desprazados”.
A visita institucional do secretario de Emigración ao Concello de Pontevedra serviu, asemade, para presentar o convenio recentemente asinado entre ambas institucións, e que cun valor de 90.000 euros, permitirá reforzar a actividade da Oficina de Atención a Inmigrantes. A promoción dunha imaxe positiva da inmigración, a difusión de información sobre orientación e inserción social e laboral, ou a posta en valor de interculturalidade serán algunhas das actividades que se impulsarán desde a concellaría de servizos sociais.

Fernández Lores sinalou, pola súa parte, que “é a primeira vez que a Xunta de Galicia asina un convenio co Concello de Pontevedra para facilitar a integración laboral, social e cultural dos inmigrantes. Antes non foi posible porque non había intención de colaborar con este Concello”. O alcalde vaticinou, ante o cambio no Goberno galego, unha colaboración frutífera no futuro, xa que a política a desenvolver pola Secretaría Xeral de Emigración pasa pola “colaboración cos concellos porque entende que a primeira porta onde petan os inmigrantes son as institucións locais”.

Gabinete de Comunicación da Secretaría de Emigración da Xunta de Galicia, 2005-12-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-20250430.jpg) A Filmoteca de Galicia inicia en maio unha retrospectiva arredor do actor italiano Marcelo Mastroianni como parte dunha carteleira na que tamén sobresaen as visitas de dous destacados nomes do actual panorama cinematográfico estatal: Alauda Ruiz de Azúa e Albert Serra. A oferta mensual da cinemateca da Xunta arranca este venres 2 con Corazón Salvaje, que se exhibe na recta final da homenaxe que se lle está a dedicar ao director David Lynch tralo seu recente pasamento. A nova programación inclúe tamén un repaso ás tres longametraxes do cineasta galego Raúl Veiga e a habitual colaboración co festival Play-Doc de Tui, que desta volta pon o foco en dúas figuras do cinema independente norteamericano: Monte Hellman e Elaine May.
Foto de la tercera plana (festival.jpg) Ou Yeah! é unha nova iniciativa arraigada no territorio, comprometida coa súa xente e deseñada para proxectar Ourense ao mundo. A súa esencia é a transformación: do local ao global, do tradicional ao contemporáneo, do escenario ao prato, do concerto ao encontro. Deste xeito, o festival, que ten como columna vertebral o rock, entendido nun sentido amplo, plural e actual, conxuga música, gastronomía, identidade e impacto territorial. Ou Yeah! espallarase pola provincia de Ourense entre os meses de xullo e outubro de 2025. O primeiro concerto terá lugar na capital da provincia, na explanada de Expouerense, o sábado 12 de xullo, da man de bandas de referencia internacionais, nacionais e galegas como The Waterboys, Morgan, Escuchando Elefantes e Tesouro.

Notas

Unha única facultade por universidade que coordinará todos os centros que imparten o Grao en Enfermaría e que integrará as escolas adscritas. Esta é a esencia do Plan de mellora do ensino universitario de enfermaría cuxo protocolo asinaron este mércores en Santiago o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o presidente do consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, Juan José Nieto Roig e os reitores das universidades de Vigo, Manuel Reigosa; Santiago de Compostela, Antonio López e A Coruña, Ricardo Cao.
O Teatro Principal acollerá entre o 5 e 16 de maio as cinco representacións que integran o programa da XVI Mostra Internacional de Teatro Universitario de Pontevedra (Miteu), que permitirá coñecer tanto as montaxes das aulas e grupos dos tres campus da UVigo, como dous espectáculos chegados de Portugal e México. Promovida pola Vicerreitoría do campus, coa colaboración do Concello, trátase dunha mostra con entrada gratuíta.
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES