Notas de prensa

A Xunta de Galicia participa en 2005 en 17 proxectos de Cooperación ao Desenvolvemento en Perú

* A directora xeral de Cooperación, Fabiola Sotelo, desprazouse ao país andino para coñecer de preto os traballos que se están a desenvolver * A solidariedade galega está centrada nas áreas da pesca, a agricultura, na creación de comunidades saudables e de comedores sociais * O Goberno galego achegou en 2005 máis de 946.000 euros para estas actuacións

A Xunta de Galicia está a participar nun total de 17 proxectos de cooperación ao desenvolvemento en Perú. A directora xeral de Cooperación Exterior do Goberno galego, Fabiola Sotelo, desprazouse ao país andino para coñecer de preto os traballos que se están a desenvolver coa colaboración da nosa comunidade autónoma. Estas actuacións contaron en 2005 cunha achega de 946.420,52 euros por parte da Administración galega.

Trátase da primeira viaxe oficial de Fabiola Sotelo a América Latina, unha das áreas prioritarias dentro das actuacións da dirección xeral de Cooperación Exterior. Neste percorrido polas rexións de Lima, Cutervo e Cuzco, a directora xeral tivo ocasión de comprobar in situ a evolución dos programas levados a cabo coa colaboración da Administración autonómica galega e achegarase aos colectivos receptores da axuda para percibir de preto as súas necesidades e demandas.

A solidariedade galega está presente en Perú asociada a diversos actores sociais (agrupacións populares e de mulleres, Universidades, Administracións, ONGDs e Axencia Española de Cooperación Internacional AECI), procurando crear sinerxias de actuación entre varios membros no mesmo sector e dar orixe a un traballo “en rede” que contribúa a paliar as causas que orixinan a pobreza e a marxinación social.

A actuación da Xunta, centrada na defensa dos dereitos sociais e dos traballadores, presta apoio a diversos grupos e institucións para o desenvolvemento, mellora e fortalecemento da industria pesqueira peruana, a agricultura, a creación de comunidades saudables e autoxestionadas e no mantemento de comedores populares.

Ampla rolda de contactos

Entre os días 14 e 17 de decembro, Fabiola Sotelo mantivo unha intensa axenda de traballo en Perú. Dentro da súa rolda de entrevistas, reuniuse co viceministro de Pesca, Alfonso Miranda; co Presidente do Instituto do Mar do Perú (IMARPE), Contraalmirante Hugo Arévalo; co reitor da Universidade Nacional Agraria de La Molina; así como con representantes dos proxectos de Mulleres de sectores populares que apoian políticas públicas que as afecten, do Abastecemento Integral de Auga en Aahh Libertad Chosica e da Organización de produtores de Comercio Xusto de Perú.
Así mesmo, tivo ocasión de comprobar que os proxectos que mellor están a funcionar son os levados a cabo por mulleres, entre as que se atopan algunhas galegas. Fabiola Sotelo reuniuse con dúas destas mulleres galegas que están a traballar no desenvolvemento de proxectos de colaboración en Perú. Unha delas é a irmá Marisa Freire, pertencente á congregación das Siervas de San José “Josefinas”, que traballa na zona de Cuzco; e tamén se entrevistou con Maricarmen Parrado, membro de ESCAES –Perú, involucrada no desenvolvemento do plan Comunidades saudables e protección do medio ambiente.

Sector pesqueiro

NotaEntre os proxectos máis destacados nos que colabora o Goberno galego está o dedicados ao apoio ao desenvolvemento do sector pesqueiro e acuícula do Perú, que se está a desenvolver dende o ano 2002 coa participación do Goberno peruano e administracións rexionais e locais do sur do Perú (Moquegua, Tacna, Lima, Ica, Ancash, Arequipa, Madre de Dios, Puno e Loreto), do sector privado liderado por ANFACO e co impulso do Goberno español.

Neste contexto, se está a prestar colaboración en diversos plans de apoio ao desenvolvemento da acuicultura nas rexións de Tacna e Moquegua, á mellora da comercialización e promoción do consumo do pescado en poboacións de baixos recursos do Perú e na creación de nova oferta laboral neste sector produtivo. A través de asistencias técnicas, a Xunta de Galicia colabora en accións de capacitación dos traballadores do mar en todo o país, así como en programas de avaliación da merluza, inspección pesqueira, capacitación en produción de peces planos e na elaboración dun catastro acuícola.

Proxecto agrícola Pil Perú

A Administración galega ten establecido tamén unha liña de colaboración coa Universidade Agraria da Molina mediante a que se está a traballar na implantación dun simulador virtual de industrias lácteas como ferramenta de formación dos traballadores. Este proxecto, denominado Pil Perú conta coa participación do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e a Aula de Produtos Lácteos da Universidade de Santiago de Compostela. Outra das iniciativas neste eido produtivo é o proxecto de formación e apoio integral dos produtores artesáns de produtos lácteos en Perú (Arteperú 2005), destinado a promover a incorporación de boas prácticas de produción para mellorar as condicións sanitarias do proceso e os seus ingresos.

Paralelamente, a Xunta de Galicia está a colaborar na construción da ponte colgante Lamas, no abastecemento de auga en Aahh Libertad Chosica (Lima), no Plan de desenvolvemento turístico en Vilacamba, na creación de rexistros civís nas comunidades da Selva Central, así como en convenios de colaboración con entidades locais para a xestión municipal e participación cidadá no desenvolvemento rural.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2005-12-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-20250430.jpg) A Filmoteca de Galicia inicia en maio unha retrospectiva arredor do actor italiano Marcelo Mastroianni como parte dunha carteleira na que tamén sobresaen as visitas de dous destacados nomes do actual panorama cinematográfico estatal: Alauda Ruiz de Azúa e Albert Serra. A oferta mensual da cinemateca da Xunta arranca este venres 2 con Corazón Salvaje, que se exhibe na recta final da homenaxe que se lle está a dedicar ao director David Lynch tralo seu recente pasamento. A nova programación inclúe tamén un repaso ás tres longametraxes do cineasta galego Raúl Veiga e a habitual colaboración co festival Play-Doc de Tui, que desta volta pon o foco en dúas figuras do cinema independente norteamericano: Monte Hellman e Elaine May.
Foto de la tercera plana (festival.jpg) Ou Yeah! é unha nova iniciativa arraigada no territorio, comprometida coa súa xente e deseñada para proxectar Ourense ao mundo. A súa esencia é a transformación: do local ao global, do tradicional ao contemporáneo, do escenario ao prato, do concerto ao encontro. Deste xeito, o festival, que ten como columna vertebral o rock, entendido nun sentido amplo, plural e actual, conxuga música, gastronomía, identidade e impacto territorial. Ou Yeah! espallarase pola provincia de Ourense entre os meses de xullo e outubro de 2025. O primeiro concerto terá lugar na capital da provincia, na explanada de Expouerense, o sábado 12 de xullo, da man de bandas de referencia internacionais, nacionais e galegas como The Waterboys, Morgan, Escuchando Elefantes e Tesouro.

Notas

Unha única facultade por universidade que coordinará todos os centros que imparten o Grao en Enfermaría e que integrará as escolas adscritas. Esta é a esencia do Plan de mellora do ensino universitario de enfermaría cuxo protocolo asinaron este mércores en Santiago o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o presidente do consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, Juan José Nieto Roig e os reitores das universidades de Vigo, Manuel Reigosa; Santiago de Compostela, Antonio López e A Coruña, Ricardo Cao.
O Teatro Principal acollerá entre o 5 e 16 de maio as cinco representacións que integran o programa da XVI Mostra Internacional de Teatro Universitario de Pontevedra (Miteu), que permitirá coñecer tanto as montaxes das aulas e grupos dos tres campus da UVigo, como dous espectáculos chegados de Portugal e México. Promovida pola Vicerreitoría do campus, coa colaboración do Concello, trátase dunha mostra con entrada gratuíta.
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES